Colocouse a primeira pedra para a ITV do Carballiño, que entrará en funcionamento o último trimestre deste ano e contará coa última tecnoloxía, permitindo inspeccionar todo tipo de vehículos, incluso os máis novidosos. Así o manifestou o presidente de Supervisión e Control, Amador de Castro, durante o acto de colocación da primeira pedra desta nova instalación no parque empresarial do Carballiño.
O empresario agradeceu a colaboración institucional da Xunta de Galicia, así como o traballo desenvolvido polos arquitectos Manuel Amor e Félix Suárez, en colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña, no deseño dun novo modelo de estación de ITV, que será un referente tecnolóxico, sendo a segunda na que se implante en Galicia.
Ao acto asistiron o subdirector xeral de Industria, Ricardo Baños; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, ademáis dos portavoces dos grupos políticos municipais, concelleiros e concelleiras, así como os presidentes das asociacións de empresrios do polígono industrial, dos talleres mecánicos e do comercio local.
Os arquitectos Manuel Amor e Félix Suárez explicaron o deseño e o proceso constructivo e de funcionamento desta nova estación fixa de ITV, que fai a número 26 de Supervisión e Control en Galicia, e que se executará mediante tecnoloxía modular e que estará dotada cos sistemas máis punteiros de control.
Marisol Mouteira resaltou o servizo que se ía prestar ao veciños do Carballiño e comarca, e a puxo como exemplo da colaboración institucional autonómica e local, así como coa iniciativa privada, en beneficio da cidadanía e do desenvolvemento do Carballiño, pois esta instalación ía ser un novo instrumento dinamizador do parque empresarial e na creación de emprego.
En termos semellantes pronunciouse Francisco Fumega, sinalando que “era unha vella demanda do sector da automoción e dos conductores e conductoras do Carballiño, que tiñamos que desprazarnos fóra para realizar a revisión dos nosos vehículos, e que hoxe, por fin, podemos dicir que estamos moi cerca de poder facelo aquí”. Así pois, dixo que era unha gran noticia e por iso amosou o agradecemento á consellería de Industria e a Supervisión e Control, destacando o novidoso do proxecto e o investimento, cercano a un millón de euros.
“É un orgullo para O Carballiño ser o segundo lugar de Galicia no que se implanta este modelo de estación, cun alto grao de calidade e innovación, e por iso os meus parabéns á empresa Supervisión e Control e ao arquitecto que realizou este deseño”, dixo.
Finalmente o alcalde carballiñés resaltou o reforzo que ía supoñer esta instalación no papel da cabeceira comarcal e a contribución para dinamizar o sector dos talleres mecánicos e o polígono empresarial, creando novos postos de traballo e orixinando un movemento notable de persoas e vehiculos. Ao respecto dixo: “Non cabe dúbida de que a industria e este polígono en concreto aportan cada día máis ao conxunto da economía do Carballiño, e por iso unha instalación como esta da ITV supón un empuxón máis de cara a incrementar o emprego e ofrecer máis e mellores servizos”.
A continuación introduciuse nun burato unha urna cos xornais do día. Esta nova estación de ITV ocupará unha parcela de 3.200 metros cadrados, e terá unha capacidade de inspección inicial de 5000 vehículos/ano e 14.000 no horizonte do 2020.