A Consellería do Medio Rural desenvolverá un plan específico para o pastoreo no macizo central ourensán que estará dotado cun orzamento duns 800.000 euros e que posibilitará a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona, así como a mellora na loita contra os incendios forestais.
Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa visita a Chandrexa de Queixa, onde mantivo unha xuntanza con gandeiros e con representantes municipais, entre eles o propio alcalde, Francisco Rodríguez, acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. A titular de Medio Rural coñeceu tamén unha explotación de vacún de carne na parroquia da Espasa.
Segundo a conselleira, este plan de pastoreo aplicarase entre este ano e o vindeiro, empezando por realizar unha radiografía da situación dos pastos, a estrutura e distribución do gando no monte e as necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc. A partir desta análise pormenorizada levarase a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos, cos que se consensuará, en todo momento, a posta en marcha do plan. Ademais, está previsto redactar os correspondentes proxectos de execución de obras.
Ángeles Vázquez sinalou que esta iniciativa incidirá, ao tempo, na mellora da prevención e loita contra os incendios forestais, xa que está demostrado que a posta en valor do monte e o aproveitamento dos seus recursos endóxenos –neste caso, de maneira específica, os pastos– repercute de xeito positivo na defensa contra o lume.
Vacún de carne
Por outra banda, a conselleira salientou tamén que no ano 2016 houbo en Galicia un total de 126 incorporacións de mozos ao agro dentro da orientación produtiva de vacún de carne. Representan o 20,39% do total dos incorporados e recibiron unha axuda global de 4,5 millóns de euros.