A Unidade de Trastornos do Sono, do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, realizou o pasado ano un total de 698 estudos do sono (polisomnografías e poligrafías respiratoiras) para diagnosticar un dos trastornos respiratorios mais frecuentes durante o sono, como é o síndrome de apnea-hipoapnea do sono.
A apnea consiste na interrupción da respiración durante un mínimo de dez segundos, pero pode chegar a un minuto, ou máis nos casos máis graves. Como consecuencia, algúns pacientes poden acumular entre 2 ou 3 horas de mala osixenación do cerebro, que se traduce nunha mala calidade de descanso, con problemas de cansanzo e somnolencia durante o día, maior risco de accidentes, tanto laborais como de tráfico, e unha peor calidade de vida.
Ademais, e como alertan distintas institucións e sociedades médicas, coincidindo coa celebración hoxe do Día Mundial do Sono, seus efectos relaciónanse cunha maior propensión ao padecemento de enfermidades cardiovasculares, como hipertensión arterial, infarto de miocardio, ictus cerebral ou insuficiencia cardíaca conxestiva, polo que, ante a detección de algún destes signos, é importante consultalo para proceder ao seu estudo.
20 anos de experiencia en Ourense
O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acumula unha experiencia de dúas décadas, no control dos trastornos respiratorios do sono, para o que conta cunha unidade específica, dependente do Servizo de Neumoloxía, que comezou a funcionar xa en febreiro de 1997.
A unidade de sono de Ourense dispón de dúas camas para a realización dos estudos de sono, que consisten no rexistro dunhas variables electroencefalográficas, que recollen a actividade cerebral durante o sono, nas súas distintas fases, reflectindo a calidade e cantidade do sono do paciente; tamén, mediante unhas variables cardiorrespiratorias que rexistran o fluxo de aire, o esforzo respiratorio, o ritmo cardíaco, e os niveis de osíxeno do paciente mentres durme. Con elas, detectase se o paciente fai apneas e se estas provocan unha caída do osixeno no sangue.
Todo elo rexístrase mediante a realización dunha polisomnografía convencional, que se realiza directamente no hospital, 231 en 2016. Outra opción é rexistrar as variables cardiorrespiratorias mediante dunha poligrafía, que se pode facer na casa do paciente. Modalidade cada día mais estendida, que permite ao pacientes realizar o estudo durmindo na súa cama, tras a colocación do aparello cos sensores de rexistro no hospital, que o día seguinte entrega no hospital. Delas o pasado ano realizáronse 467.
A avaliación destes rexistros, por parte do especialista, permiten confirmar ou descartar a existencia de apneas e conseguintemente tratalo. Para elo, cóntase cunha consulta específica, que permite tanto valorar aos pacientes e seleccionar o estudio máis apropiado, como facer seu seguimento. Os pacientes derivados á unidade proceden maioritariamente de Atención Primaria, e tamén de servizos propio hospital, como cardioloxía, otorrinolaringoloxía ou neuroloxía.
Prevención e tratamento
Os factores de risco da apnea son o sobrepeso, idade avanzada, tabaco, consumo de alcol, sedantes ou tranquilizantes. Por elo, a principal medida de prevención é adoptar hábitos saudables, como unha dieta equilibrada, evitar o sobrepeso, facer exercicio regularmente, abandonar o tabaco e o alcol. O paciente tipo adoita ser un home con sobrepeso, roncador e maior de 65 anos. A apnea tamén afecta á muller, especialmente a partir da menopausa e cando ten sobrepeso.
Cando hai importante número de interrupcións respiratorias durante o sono -mais de 20 ou 30 por hora ou síntomas claros de apnea- ou, cando coinciden outros factores de risco cardiovascular, como hipertensión, o tratamento indicado adoita ser o uso na casa dunha CPAP, siglas en inglés dun aparello de presión positiva continua das vías aéreas, que insufla unha presión de aire na vía aérea superior, impedindo que se peche ao durmir, o que axuda á respiración e a manter uns niveis de osixenación correctos.
En Ourense, indicáronse o pasado ano 313 CPAP, e na actualidade 2.732 ourensáns fan uso deste pequeno aparello, para mellorar a calidade do seu sono. Súa principal vantaxe é que a emisión de presión positiva impide, tanto o ronquido, como que a vía aérea se peche durante o sono. Asemade, é de pequeno tamaño e moi silencioso, polo que tampouco molesta o sono do paciente nin dos seus acompañantes.