Os veciños de A Valenzá (Barbadás) estrearán seu novo centro de saúde este vindeiro luns, día 27 de marzo, para elo, ao longo desta fin de semana procederase ao traslado ata as novas instalacións, dotadas con novo equipamento e mobiliario, nas que o Servizo Galego de Saúde investíu un total de 3.202.662 euros, para mellorar a asistencia sanitaria aos seus 8.791 usuarios.
O novo centro de saúde de A Valenzá está situado nunha parcela de 3.666 metros cadrados, cedida polo concello de Barbadás, que ven de urbanizar a súa contorna. Conta cunha superficie de 1.952 metros cadrados, que triplica o espazo dispoñible na actualidade.
Está distribuído en dúas plantas, cun gran patio central, o que permite a entrada de luz natural a todo o interior, ademais de espazosos accesos exteriores, cunha ampla praza aberta con bancadas, que poderá ter uso como espazo público ou acoller actividades ao ar libre. As obras contaron co cofinanzamento, ao 80%, do programa operativo Feder.
Súa área asistencial repártese entre a Área de Medicina Xeral, situada na primeira planta, con once consultas, cinco médicas, cinco de enfermería e unha de saúde bucodental, dotada cun completo equipamento odontolóxico, para a prestación desta oferta asistencial pública que se implantará proximamente.
Completa Área Materno-Infantil
A Área Materno-Infantil, sitúase na planta baixa, onde conta cunha consulta para enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrona) e unha ampla sala-ximnasio, para desenvolver actividades de educación maternal; como obradoiros e cursos de preparación ao parto e ao postparto. Especialmente importantes nunha área de poboación cunha alta taxa de nacementos e poboación infantil.
Nesta liña, a poboación infantil (de 0-14 anos) do Centro de Saúde de A Valenzá representa o 16% do total dos seus usuarios, con 1.431 nenos menores de quince anos, polo que co obxectivo de mellorar súa atención, á Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense ven de aumentar seu cadro de profesionais, pasando de un a dous pediatras, e unha enfermeira pediátrica mais, posibilitando así unha atención máis individualizada e de calidade.
Ademais das catro consultas de pediatría e de enfermería pediátrica, esta área Materno-Infantil complétase con salas de mostras, técnicas e sala polivalente, e unha Sala-Consulta da Muller, para a realización de exploracións xinecolóxicas e desenvolver este amplo programa, que inclúe revisións preventivas de cancro de mama e de útero, ademais de atención ao embarazo normal, menopausa e anticoncepción.
Tamén na planta baixa, está situada unha consulta, para atención de urxencias, e o persoal do centro dispón dun espazo específico para a realización de sesións clínicas e reunións de traballo, para o que contan cunha sala de xuntas e biblioteca, ademais de vestiarios e salas de estar.
A esperada ampliación de espazo do Centro de Saúde de A Valenzá permitirá incrementar progresivamente seus servizos, en función da súa actividade e necesidades, estando prevista a próxima posta en marcha da nova Área de Saúde Bucodental, dotando o centro con hixienista dental e odontólogo, sen necesidade de que seus veciños continúen desprazándose ao Centro de Saúde de A Carballeira, onde na actualidade son atendidos.