O Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa de actividades de lecer para a mocidade Ociourense Xove.
No seu sétimo ano, porá a disposición de mozos e mozas de entre 14 e 30 anos de idade un total de 18 actividades saudables para o seu tempo de lecer. Será durante as fins de semana dos meses de abril, maio e xuño, e incluirá campos tan diversos como o deporte, a música, a fotografía, o baile, o cinema ou a cociña, entre outras. Todo cunha oferta de doado acceso e moi diversificada para encaixar con posibles afeccións e adecuada aos momentos de venres e sábado.
O programa, que este ano é financiado integramente polo Concello, pasa de destinar 20.000 a 30.000 euros, por parte das concellerías de Sanidade e Xuventude.
As persoas interesadas pdoen inscribirse desde hoxe mesmo a través da páxina web www.ociourense.es
18 actividades para todos os gustos
Ociourense 2017 innova tamén nos seus contidos, para achegar propostas cada vez máis atractivas á cidadanía. Este ano as novidades serán Iniciación ao running, Ourengym nos parques, Defensa persoal e Video DJ. Con estas actividades o programa municipal prevé acadar a participación de ao redor de 1000 mozos e mozas.
As actividades son: Camiñar na noite, Ourengym nos parques, Cócteles sen alcol, Inicio Running, Baile Urbano, Defensa persoal, Nutri-receitas, Foto en ruta, Andaina sen fume, DJ+Visuais, Caza foto, Piragüismo, Escalada e Buceo.
Ademais, coa colaboración de Cine Clube Padre Feijóo, realizaranse 5 proxeccións de cine ao aire libre, que se desenvolverán pola noite nas Burgas e a Praza Maior.