A Aula de Teatro Universitario de Galicia, abrirá este xoves, desde ás 19:00 horas na praza de San Martiño, a vixésimo segunda edición da Mostra. No programa, un total de 30 espectáculos de diferentes e diversas disciplinas da expresión escénica.
Desde o circo ata a danza, pasando pola música e, como non, polo teatro máis clásico, e nomes tan recoñecidos coma os de Pablo Carbonell, Albert Plá ou Bruno Martins xunto aos de novos valores da escena procedentes de lugares tan dispares coma Colombia, Costa de Marfil ou Irak. Pero na festa do teatro non van faltar nomes coma os de García Lorca, Shakespeare, Baricco ou Valle Inclán, demostrando a universalidade das historias que trae a 22-Miteu.
Coma en anteriores edicións, os espectáculos dividiranse entre o Auditorio Municipal -no que se poderá ver o espectáculo Ticket, dos cataláns Clownic-, o Teatro Principal, o Campus Universitario, o Liceo, o café cultural Auriense e as propias rúas da cidade.
As entradas para os espectáculos, do mesmo xeito, estarán dispoñibles nos propios espazos onde se desenvolvan as actividades, agás nos casos de que sexan gratuítas. A mestura de grupos universitarios con compañías profesionais será unha estupenda ocasión de pulsar o bo estado de saúde do teatro na cidade.
“Non concibimos a programación cultural anual desta cidade sen a mostra de teatro universitario, un espazo único para a liberdade creativa, para a liberdade en termos absolutos”, manifestaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación desta vixésimo segunda edición. O Concello de Ourense, cunha importante achega que supera os 40.000 euros, colabora ademais na produción dos espectáculos.
Toda a información, en www.miteu.es