Un equipo de arqueólogos do colectivo RomanArmy están a investigar dous recintos fortificados, un deles inédito ata agora, do concello de Verín, co obxectivo de determinar a súa orixe.
Ata o momento, o equipo presentou uns resultados -aínda preliminares- en relación ao Outeiro de Arnás e nestes momentos está a investigar o coñecido como Alto do Circo. Ambos os dous recintos teñen características moi singulares que os diferencian dos castros e as fortificacións baixomedievais da comarca e os aproximaba a momentos menos coñecidos arqueoloxicamente da nosa Historia.
Roman Army é un colectivo científico que investiga a presenza militar romana no Noroeste da Península Ibérica, conformado por investigadores de distintas universidades e centros de investigación europeos (Universidades de Santiago, Oviedo, Braga, Durham, VU Amsterdam, Exeter, Edinburgo, Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC), diferentes disciplinas e especialistas en varias épocas históricas. O proxecto lévano a cabo os arqueólogos Rebeca Blanco-Rotea, José M. Costa e João Fonte. O proxecto conta co apoio do concello de Verín, o Grupo de Investigación Síncrisis (Universidade de Santiago de Compostela) e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.
Explicación dos resultados das intervencións
O equipo ofrecerá unha conferencia, explicando os obxectivos e as conclusións preliminares da campaña, organizada polo concello de Verín na Biblioteca pública municipal este sábado 22 de abril ás 19.30 horas. A conferencia explicará tanto a intervención no Outeiro de Arnás coma no Alto do Circo.
O Outeiro de Arnás
O Outeiro de Arnás é dun pequeno recinto ubicado na parroquia de Santa María de Tamagos, nas inmediacións da autoestrada A75. Ten unha pranta pentagonal e o seu tamaño non supera as 0,6 hectáreas. Está composto por un talude de terra e un foxo exterior. A prospección xeomagnética de aproximadamente a metade do sitio arqueolóxico permitiu localizar restos do equipamento militar lexionario frecuente nestes sitios arqueolóxicos. Como resultado preliminar, o equipo propón que se trata dun castellum, unha fortificación de pequeño tamaño pensada para acoller a unha unidade militar de entre unha e catro centurias (80-320 homes). Este sería o segundo castellum militar identificado como tal no territorio da actual Galicia, e a súa identificación permitirá recoñecer sitios similares con máis facilidade no futuro.
Alto do Circo
O Alto do Circo atópase na parroquia de Feces de Cima, nunha prominente elevación a 615 metros de altura. Atópase xa catalogado e identificado como castro da Idade do Ferro ou posible poboado altomedieval. Trátase dun recinto de planta circular delimitado por unha muralla de pedra que, na zona de máis fácil acceso, compleméntase cunha liña defensiva adicional. Os investigadores están a traballar nestes momentos neste sitio arqueolóxico, identificando importantes estructuras de finalidade aparentemente defensiva. Neste caso, a hipótese que sostén o equipo é dunha posible orixe altomedieval do recinto. É precisamente este período un dos grandes descoñecidos a nivel da arqueoloxía galega. A excepcionalidade do Alto do Circo e a súa configuración especial convérteno nun lugar determinatne para coñecer unha época da que a penas temos referencias escritas.
Arqueoloxía en directo
A campaña de Verín 2017 estase a caracterizar por un importante esforzo de comunicación en directo que xa foi seguido nesta semana por 16.200 persoas a través da rede social Facebook, con vídeos cunha media de 3.000 visionados, convertíndose posiblemente na campaña arqueolóxica máis seguida pola rede. Todos os días os arqueólogos retransmiten a través de Facebook Live desde os sitios arqueolóxicos as novidades e continuamente publícanse no web novas crónicas que van dando conta dos achados e das novas interpretacións do equipo, creando unha comunidade a partir do proxecto.