A Deputación de Ourense, a Obra Social «La Caixa» e a Fundación Rosalía presentan a exposición “Airiños Aires Rosalía” de fotografías de Xurxo Lobato.
A exposición permanecerá neste centro ata o 18 de xuño. Poderá visitarse no horario habitual, de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas; e os sábados, domingos e festivos de 18:00 a 21:00 horas.
A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán ata finais de xuño o Centro Cultural Marcos Valcárcel, na rúa do Progreso, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar ao longo dos seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.
Permítenos emprender unha viaxe singular que parte das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…, as Terras de Iria que en tantos poemas cantou. A Casa da Matanza, espazo senlleiro na vida de Rosalía e epicentro actual da cultura rosaliana, ocupa tamén un importante espazo nunha mostra que rexistra tamén reflexos máis fugaces da súa vida froito das súas estadías en Madrid e Simancas, seguindo os pasos profesionais do seu marido, Manuel Murguía.
Santiago de Compostela figura tamén na exposición, dado que nesta cidade naceu en 1837 Rosalía de Castro e a esta cidade regresaría en diferentes etapas da súa vida, nun peregrinar que a exposición recrea con imaxes de diferentes rúas e outros espazos polos que viviu e transitou: o Vilar, a Praza da Universidade, a Conga, a rúa de Altamira, a carballeira de San Lourenzo, a catedral. O sartego de Rosalía, onde descansan os seus restos, localizado no Panteón dos Galegos Ilustres, en Santo Domingos de Bonaval, está presente entre as cinconta imaxes que integran a mostra.
Por último, “Airiños Aires, Rosalía” distánciase dos emprazamentos físicos para atender as recreación artísticas desta icona da cultura galega. Desde figuracións clásicas en forma de retratos e esculturas, ata outras creacións máis apegadas á modernidade, que dan conta da profunda pegada que a autora deixou na nosa cultura e da continua reinterpretación que provoca a súa figura para adaptarse aos novos usos e costumes.