Ourense celebra este domingo Os Maios, festa de interese turístico e unha das nosas tradicións máis ancestrais, na rúa do Paseo.
A rúa do Paseo será unha romaría este domingo coa tradicional celebración dos Maios, declarada Festa de Interese Turístico. As actividades, presentadas en rolda de prensa no Auditorio coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, da concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e da técnica da Concellería, María Díaz, inclúen todos os elementos dunha romaría: maios, coplas, actuacións de grupos de gaitas e actividades para os máis pequenos. “En plena efervescencia da primavera, en Ourense agroma unha das súas festas máis singulares, unha das súas manifestacións etnográficas máis arraigadas”, dixo o rexedor.
A romaría regresa este ano á rúa do Paseo, xa que “a Alameda está próxima a ser ocupada para o traslado dos praceiros, esta semana esta prevista a sinatura da acta de replanteo para dar comezo á obra da instalación provisional”, aclarou Vázquez Abad.
O programa para este domingo é como segue:
– 11.00 Colocación dos Maios
– 11.30 Animación de rúa cos Gaiteiros da Escola de música tradicional “De pé feito” e cabezudos.
– 11.30-14.00 Xogos populares e obradoiros de enredos naturais
– 12.00 Paseo do xurado polos maios e canto de coplas
– 16.30 Animación de rúa cos gaiteiros “Os Daniñas”
– 18.30 Entrega de premios e canto de coplas gañadoras
– 19.00 Actuación musical Orquestra Os Modernos