A terceira edición do Torneo de Fútbol 8 “Ourense, a provincia termal”, edición especial “Raia Termal” de categoría alevín, reunirá a doce equipos procedentes de Galicia, de diferentes puntos de España e do Norte de Portugal, que durante os días 19, 20 e 21 de maio disputarán esta competición no Estadio do Couto.
O torneo consta de dúas fases, unha fase previa inicial, dirixida aos equipos da categoría alevín da provincia de Ourense e, dunha fase final, na que participarán equipos de fútbol a nivel nacional.
A fase final da competición arrancará o venres, 19 de maio, nesta xornada participarán os cinco equipos galegos e o equipo internacional: Ourense C.F., R.C. Celta de Vigo, R.C.D. A Coruña, E.D. Ourense, C.D. Lugo e o Sporting Braga. O sábado, 20 de maio, será a quenda para os seis equipos que veñen do territorio nacional: Atlético de Madrid C.F., Real Valladolid C.F., UD Almería, SD Eibar, Málaga CF e Athletic Club de Bilbao,“o sistema de competición é de todos contra todos no grupo, xogan dous partidos, e os dous primeiros de cada grupo clasifícanse para os cuartos de final”. Os partidos de ambos días comezarán ás 16.00 horas.
O domingo, 21 de maio, os cuartos de final comezarán a partir das 9.00 horas e as semifinais serán ás 11.40 horas e ás 12.20 horas, sendo a final desta terceira edición do Torneo de Fútbol 8 “Ourense, a provincia termal”, ás 14.30 horas. “A normativa da competición é de dous tempos de 15 minutos e dous partidos por día cada equipo e o último día tres partidos, con plantillas de 15 xogadores cada un”, explicou Javier Caldas.