A Deputación de Ourense e os concellos da Veiga e Oímbra asinan un convenio para impulsar un programa de rehabilitación de vivendas no rural
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os alcaldes da Veiga e Oímbra, Juan Anta e Ana Vilariño, asinaron no Pazo Provincial senllos convenios de colaboración para desenvolver un programa pioneiro en Galicia de rehabilitación de vivendas baleiras no rural, “Revivenda”, destinadas a aluguer. O obxectivo desta iniciativa, segundo afirma Manuel Baltar “é dinamizar o rural, fixar poboación e atraer a familias, poñendo en valor os territorios rurais da provincia de Ourense”.
A Deputación de Ourense achega un total de 200.000 euros (100.000 euros para cada concello) e os concellos, 10.000 euros cada un. A Veiga e Oímbra contarán coas respectivas ordenanzas municipais para a creación e regulación deste programa de vivendas baleiras en condicións de habitabilidade e sempre cun prezo módico, que incentiven o arrendamento de inmobles que anteriormente se atopaban en condicións non idóneas para o seu uso.
No marco deste convenio, os dous concellos encargaranse de elaborar e xestionar o Rexistro Administrativo Municipal de vivendas para alugar e o Rexistro Administrativo Municipal de Arrendatarios, e de poñer en funcionamento e xestionar o Programa de rehabilitación de vivendas e o Programa de axudas para o alugamento de vivendas rurais.
Tamén asumen as obrigas dos custos de persoal técnico, que será o encargado de certificar as necesidades da vivenda e a idoneidade destas para a súa inclusión no citado rexistro como aptas, e de supervisar o cumprimento do procedemento da idoneidade das vivendas e na adxudicación delas para o seu alugamento. Os concellos tamén se encargarán da redacción dos contratos que rexerán o funcionamento entrambas partes e a resolución das solicitudes para ser adxudicatarios dun arrendamento da vivenda; e da revisión do cumprimento de todos os requisitos, tanto de propietarios como de arrendatarios, e, no caso contrario, revogación de calquera axuda, así como de aprobar e supervisar o cumprimento da ordenanza que regula a totalidade do obxecto do procedemento do Programa “Revivenda Rural”.
As liñas de actuación consistirán en axudas directas aos propietarios para realización de obras de adecuación de vivendas quedando estas sometidas a un prezo de arrendamento inferior ao do mercado libre así coma axudas directas aos arrendatarios de vivendas rurais, principalmente a segmentos da poboación con especiais dificultades de acceso a vivenda.
A Deputación de Ourense e os concellos da Veiga e Oímbra pretenden por medio deste convenio crear un instrumento para a reactivación da economía rural e de cohesión social en materia de vivenda, cuxos obxectivos son poñer en marcha unha política local de rehabilitación de vivendas rurais innovadora, complementaria aos plans autonómicos en materia de vivenda destinados as áreas urbanas de Galicia; e establecer medidas de acceso e rehabilitación de vivendas rurais, especialmente as localizadas en núcleos rurais, que produza beneficios sociais, económicos, urbanísticos e de equilibrio e cohesión territorial, elementos esenciais para evitar o despoboamento no rural.