O balneario histórico de Caldeliñas volveu a ver correr este luns, 26 de xuño, o seu manancial tras 70 anos pechado ó público. Así mesmo, o Concello puxo en marcha as obras de acondicionamento do entorno, moi deteriorado polo abandono e natureza química das propias augas, para que as instalacións poidan beneficiarse dunha actuación de urxencia que permita o seu uso público.
Co comezo do bombeo de hoxe cumpriuse o anuncio feito hai unha semana polo alcalde, Gerardo Seoane, como principal novidade da tempada de auguismo, de recuperar este histórico enclave. Cabe lembrar que ata os ano 40 do século pasado, Caldeliñas era moi apreciado polas súas virtudes para a pel, era de titularidade municipal, masivamente visitado por miles de persoas e incluso contaba con tarifas especiais para os propias veciños e veciñas de Verín.
Os técnicos procederon ó bombeo e acondicionamento técnico do acuífero, realizando un proceso de purga para mover a auga, e poder tomar as mostras microbiolóxicas e bacteriolóxicas necesarias para determinar dun xeito moderno a súa composición e destino de uso.
De momento, e ata que non se dispoña destas análises, o Concello non vai abrir o acuífero ó público, para ter a seguridade da calidade das mesmas. Os análises serán realizados pola Universidade de Vigo, ata onde serán trasladadas as mostras hoxe a tarde ou mañá.
Así mesmo, deron comezo as actividades de acondicionamento do entorno, que van consistir, como primeiro paso, no axardinamento e conservación das actuais ruínas e a disposición de espazo para o desfrute da surxencia.
O tenente de alcalde, Diego Lourenzo, visitou as obras amosando “o orgullo como verinés por ver recuperada unha parte da historia e do patrimonio do Auguismo de Verín, ademais de reiterar o compromiso do noso goberno en continuar dando sólidos pasos na recuperación do antigo esplendor do noso termalismo”.