A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron unha xuntanza coas persoas responsables e persoal técnico dos 92 concellos da provincia ourensá para informarlles da nova convocatoria do Goberno galego de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade. Concretamente, ao abeiro desta convocatoria a Secretaría Xeral da Igualdade pretende apoiar e consolidar as actuacións que se están levando a cabo desde as administracións locais en materia de prevención e eliminación da violencia de xénero, de conciliación así como tamén apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM) existentes en Galicia.
Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións 40 concellos da provincia de Ourense recibiron un total de 540.000 euros.
Accións subvencionables
A resolución que se vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) engloba os tres mesmos programas de colaboración coas entidades locais que os contemplados na anterior:
– Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar.
– Programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
– Programa de apoio aos centros de información ás mulleres (CIM).
O Consello da Xunta autorizou a concesión de anticipos de ata o 75 por cento das subvencións concedidas nalgún destes tres programas, que estarán cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.
A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos tomar medidas para para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Conta cun orzamento total que supera os 494.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.
A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.
E finalmente, está o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM), que ten como obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles. Así, o Goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta.