Comezaron as obras de acceso a Rabo de Galo desde a estrada N-525 (o acceso é o que está situado en sentido Madrid da circulación).
O Ministerio de Fomento, titular desta estrada, é a administración que as está executar, e os traballos consistirán en darlle maior amplitude a este acceso, mellorando tamén o seu firme, cun orzamento de 50.000 euros máis IVE e un prazo de execución de aproximadamente un mes.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o concelleiro de Participación Cidadá, Carlos Campos; e técnicos da Concellería de Infraestruturas e de Demarcación de Carreteras do Ministerio de Fomento visitaron o inicio dos traballos. Esta obra, tal e como lembraron os veciños da zona que ata alí se desprazaron, é unha vella demanda veciñal, dado que o acceso era moi complicado pola súa estreitez e a velocidade á que acceden os propios vehículos desde a estrada N-525. Esta petición veciñal foi recollida polo Concello de Ourense, que lle trasladou a Demarcación de Carreteras do Ministerio de Fomento a necesidade de acometer esta mellora.
“Éramos coñecedores de que esta obra era primordial para a seguridade dos veciños e dos vehículos que acceden a Rabo de Galo, de aí que lle trasladásemos a Fomento a necesidade de acometela na maior brevidade posible, algo que estimaron en Demarcación de Carreteras e hoxe mesmo comezaron os traballos grazas a esta cooperación institucional”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez.