A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renova este ano o seu compromiso coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que desenvolverá a súa 33ª edición do 15 ao 24 de xullo. O seu apoio a este histórico encontro escénico consiste nunha achega de 60.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o desenvolvemento de diferentes accións conxuntas que afondarán na promoción do teatro galego.
Así se recolle no convenio que asinaron esta semana na Casa do Concello o alcalde de Ribadavia, José Ignacio Gómez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil. Nel, defínese a MIT –organizada polo Concello ribadaviense baixo a dirección artística de Roberto Pascual– como un dos eventos máis importantes do noso sistema teatral e o “principal catalizador da refundación da escena galega nos anos setenta do pasado século”.
A Mostra de Ribadavia botou a andar en 1973 por iniciativa da Asociación Cultural Abrente e desde entón, tal e como sinala o texto do convenio, foi adquirindo unha maior envergadura ata se converter na “cita de referencia para o conxunto dos profesionais e afeccionados ao teatro non só de Galicia, senón tamén das comunidades limítrofes, que poden acceder deste xeito a propostas de prestixiosos artistas do panorama estatal e internacional, así como ás creacións galegas máis innovadoras que, na meirande parte dos casos, son estreas en Galicia”.
A 33ª edición da MIT estruturarase en catro grandes bloques. Así, darase continuidade á aposta do festival polos grandes mestres da escena mundial, con nomes como Suzanne Andrade do Reino Unido ou Eimuntas Nekrosius de Lituania. Haberá tamén un apartado especial dedicado á creación contemporánea a partir da obra de Shakespeare, que ofrecerá tanto as obras do proxecto Comedias de Teatro de la Ciudad, como as coproducións do festival coa compañía Voadora ou Teatro Oficina de Portugal. Ademais, terán un espazo destacado a danza, o circo e as artes de rúa (Vaivén Circo, Nova Galega de Danza etc.), así como a posta en escena de Valle-Inclán en galego nunha función especial de clausura do festival con A cabeza do dragón, de PT Excéntricas.