O encontro será a partir das 18:30 horas.

O Caselas chega ao Couto este domingo para medirse á UD Ourense

Despois da desilusión da derrota no inicio da Liga, a Unión Deportiva Ourense deu un golpe na mesa na segunda xornada ao golear, por catro goles a cero, ao Estradense. Os pontevedreses chegaban ao Couto como líderes despois de vencer no primeiro encontro ao Ribeiro (5-0).

Caselas
O Couto repite como escenario da terceira xornada. A Unión Deportiva Ourense recibe ao Caselas (este domingo, a partir das 18:30 horas), equipo cos mesmos puntos que os ourensáns, tres.
Antes do encontro recibirán unha homenaxe os ex xogadores que estiveron no club nas tres primeiras xornadas e que este ano abandonaron a disciplina unionista: Xaco e Diego Soto recibirán o cariño da bancada polos tres anos que defenderon a camiseta.

Socios
Apenas consumidos uns días do mes de setembro o club xa anunciou que se rebasou a cifra de 1.000 socios. Nas tempadas anteriores o millar de socios superábase nos meses de outubro e novembro, polo que os abonos marchan a bo ritmo para a entidade, que este ano quere achegarse aos 2.000 afeccionados co seu bono.

Germán Pérez
Na previa do partido, o xogador Germán Pérez falou para os medios de comunicación. O defensa dixo que non cre que teñan “exceso de confianza” trala goleada do pasado domingo, aínda que “podería crerse o contrario”.
Pola contra, considera que esa vitoria “reforza a idea do seu xogo”.
A pesar da euforia é cauto e advirte que van soamente “dous partidos” e considera “unha Liga longa e complicada”.
Do partido fronte o Caselas di que será “moi complicado”, e que por iso necesitan “o apoio do público”. Sobre este aspecto dixo que fóra “incrible” o vivido no primeiro partido disputado no Couto.
A implicación dos afeccionados faina extensible aos xogadores e corpo técnico. “Todos estamos implicados. Hai moita unión no vestiario”, finalizaba.