O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron esta mañá no Pazo Provincial, a 31ª edición do “Anuario da Gaita” dedicado ao estudo e á investigación do instrumento senlleiro de Galicia, a cornamusa.
A publicación, editada pola Deputación de Ourense por medio da Escola Provincial de Gaitas, é “única nas súas características en Galicia, achegando ao lector investigación, tradición, cultura e etnografía dedicada integramente a gaita”, explicou Rosendo Fernández, quen destacou o labor que desenvolve a Escola Provincial de Gaitas “con numerosas iniciativas que poñen en valor a nosa cultura e a nosa tradición”. Fernández dixo que o “Anuario da Gaita” é “unha publicación pioneira dentro do seu xénero, sendo un traballo que aposta pola defensa do noso e pola identidade propia”. Nese mesmo senso, Xosé Lois Foxo sinalou que se trata da publicación “monográfica máis antiga no ámbito da cornamusa”.
O “Anuario da Gaita” recompila un resumo das actividades vencelladas ao mundo da gaita, ademais de ser un traballo científico que serve de fonte de información. “Temos aberta unha investigación en Mesopotamia referida a imaxes de gaiteiros que apareceron recentemente do 600 a.C. O “Anuario da Gaita” é unha busca constante de referentes históricos”, explicou Foxo. “A publicación envíase de forma gratuíta a 500 bibliotecas de todo o mundo e é un referente para estudosos que atopan nestes 31 tomos a historia de todos os coñecementos que hai sobre este instrumento”, sinalou Xosé Lois Foxo.
Pola súa parte, Manuel Doval dixo que este traballo “ten dinamizado o mundo da cornamusa e con todo o que representa e significa para a nosa terra. Tamén serve para recoñecer aos que nos precederon, ilusionar e servir de fachón para os gaiteiros de hoxe, e un gran exemplo para futuras xeracións”.
Ademais, Xosé Lois Foxo adiantou que a Real Banda de Gaitas actuará o día 15 de outubro na praza de San Pedro en Roma, na canonización do beato Faustino Míguez de Celanova. A Escola Provincial de Gaitas sempre trata de levar “a nosa música é construír a nosa historia, a historia da gaita”, engadiu o director da Escola.