As pasarelas de moda nupcial e festa celebraranse os días 14 e 15 ás 18.00 h.

Celebra e Bebega en Expourense

Expourense ofrece esta fin de semana do 14 e 15 de outubro unha dobre cita para as familias: Celebra, que cumpre a súa maioría de idade con 18 edicións e BEBEGA, que nace para ofrecer unha mostra especializada no bebé. En total, máis de 60 expositores que presentarán a calidade, o deseño e a orixinalidade cos que traballan as empresas ourensás, xa que ó redor do 90% proceden desta provincia.

Celebra
A 18ª edición de Celebra contará presentará unha ampla oferta de produtos e servizos cos que dar resposta á complexa planificación de todo tipo de actos sociais tales como vodas, comuñóns, bautizos, reunións de empresas, presentacións e lanzamentos de novos produtos, etc.

Unha ducia de sectores estarán presentes en CELEBRA destacando a oferta en restauración, organización de viaxes e animación de eventos que son os que contan con maior representación. Tamén terán o seu espazo a moda nupcial e de festa, aluguer de vehículos, xoiería, perruquería e estética, fotografía, floristería, agasallos e prensa especializada. Destaca a presenza de varias empresas especializadas na organización integral de eventos e animación, co que o visitante non só poderá coñecer as últimas novidades en servizos e produtos, senón que poderá recibir asesoramento e novas ideas.

As pasarelas volverán convocar ao público que se achegue para coñecer as últimas tendencias en moda nupcial e festa. Terán lugar tanto o sábado como o domingo ás 18.00 h. e contarán coa participación das seguintes empresas: Alvarino (traxes de noivo e cerimonia); Angelo Milano (traxes de noivo e ceremonia); Drácena (arranxos florais); Loyma (xoiaría); Nicandra (moda noivas e festa); Noar Novias (moda noiva); Paris Diffusion (perruquería e estética). Esta actividade estará coordinada pola Axencia Luena. Todas estas firmas aseguran a organización dun evento 100% ourensán, xa que ademais todas elas contan con coleccións de fabricación e deseño propio.

As empresas expositoras ven en Celebra unha oportunidade para reactivar o comercio minorista nunha cita á que acode público obxectivo na busca dos produtos e servizos especializados. Ó mesmo tempo, poderán captar novos clientes a curto e medio prazo. Celebra concentra un importante volume de negocio, xa que o custo medio dunha voda en Galicia (100 convidados) está a rondar os 16.534 euros (ano 2015), segundo datos da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI).

Bebega
Bebega nace como unha mostra especializada no bebé para axudar ás familias a preparar a chegada do novo membro da familia. As empresas e asociacións participantes ofrecerán un escolma de productos e servizos orientado ao benestar do bebé: puericultura, moda, decoración, agasallos, desenvolvemento intelectual, seguridade viaria, atención sanitaria… Esta mostra conta ademais coa participación da Asociación Galega de Matronas que participarán nesta cita para resolver as dúbidas tanto das embarazadas como das que veñen de dar a luz. Os visitantes de Bebega poderán participar en numerosos sorteos de material para bebés.

Horario
O horario de apertura para esta dobre cita para o sábado 14 e domingo 15 de outubro en Expourense será de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas. A entrada terá un custo de 2 euros e permite acceder as dúas feiras. Pódense conseguir invitacións nas empresas que participan como expositoras. Toda a información do evento pódese consultar en www.expourense.org e nos perfís das feiras en Facebook e Twitter.