O barrio da Carballeira puxo o punto e final na sétima edición do circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”. Como cada ano, as ramplas do barrio son o epílogo dun circuíto que percorreu as rúas do Vinteún, o Couto, o Centro, as Lagoas, a Ponte e a citada Carballeira.
En canto á carreira absoluta Rubén Diz foi superior ao resto dos seus adversarios. O atleta da Sociedad Gimnástica Pontevedra colleu desde os primeiros metros o liderato da carreira e xa non o soltaría ata chegar a meta; o seu tempo, 18 minutos e 38 segundos. Tras el, o atleta do Atletismo Arenteir, José Manuel Corral, sería segundo (19:39 minutos). En terceiro lugar chegaba Alejandro Montero (Ourense Atletismo) cun tempo de 19:42 minutos.
En mulleres, a disputa estivo moi reñida ata a última volta. Iria Fernández e Ana María Ocampo xogabanse o título de campioa do circuíto. Durante as dúas primeiras voltas correron xuntas, ata que Fernández apretou e dexou atrás a Ocampo que chegaba meta uns segundos máis tarde. A atleta do Adas empregou un tempo de 22:59 minutos, mentres que a do Burgas Atletismo fixo 23:09 minutos. A terceira clasificada sería Uxía Rodríguez (CD La Purísima), o seu tempo 24:31 minutos.
De forma excepcional ao circuíto, nesta proba entregáronse premios aos primeiros clasificados de cada categoría.
Clasificación
Despois das seis carreiras disputadas ao longo deste ano Rubén Diz foi o mellor por diante de José Manuel Corral e Pepe Márquez (Adas), ausente na Carballeira, segundo e terceiro, respectivamente.
Iria Fernández foi a vencedora en mulleres. Acompañárona no podio Ana María Ocampo, segunda, e Vicky Losada (Burgas Atletismo), terceira.
Entrega de premios
Como cada ano a entrega de premio do circuíto celebrarase o día anterior á disputa da carreira do San Martiño. Este ano será o sábado, 18 de novembro, e como novidade cambia de ubicación. Estos anos celebrabase na cancha central dos Remedios, porén este ano trasládase a Expourense coincidindo coa feira Sportur (feira adicada ao deporte). Tamén ese día ten lugar a entrega de dorsais da San Martiño, que ao igual que os premios do “Correndo por Ourense”, haberá que recollelos en Expourense o venres 17 ou o sábado 18.