O premio ao Mellor filme da Competición Iberoamericana recae en La vendedora de fósforos e o Mellor Filme da Competición Operas Primas desta edición é Baronesa.
La vendedora de fósforos, de Alejo Moguillansky, logra o premio á mellor película ibeoramericana pola súa capacidade para pensar o real a través da ficción e pola súa habilidade para construír un relato combinando materiais diversos sen perder a vitalidade do impulso.
Pola súa banda, o premio Carlos Velo á mellor dirección da competición iberoamericana recae en Chris Gude, director de Mariana, pola creación dun espazo simbólico e atemporal a través do contraste entre un territorio soñado e o territorio real.
O xurado da Competición Iberoamericana concédelle unha mención especial a La noche polar, de Florencia Romano, pola súa busca dunha linguaxe propia e por como a través dun imaxinario máis próximo ao fantástico, propón un estado emocional.
A mellor película na sección de Operas Primas é para Baronesa, de Juliana Antunes, porque a directora aborda con forza e unha mirada sensible termos urxentes como a intimidade e a sexualidade feminina, creando un retrato valente e vital sobre os espazos de resistencia e perserverancia das mulleres.
O xurado da Competición Operas Primas concédelle unha mención especial a 69 minutes of 86 days, de Egil Håskjold Larsen, polo seu achegamento humano á situación dos refuxiados, pola súa mirada de esperanza a través dos ollos dunha nena e a súa proposta formal, novidosa e bela na que resalta a súa música orixinal.
Outros premios
O premio do xurado do Cineclube Padre Feijoo é para Baronesa, de Juliana Antunes, pola delicadeza, sensibilidade e respecto co que presenta unha realidade pouco abordada no cine, como é a vida das mulleres nunha favela. Destaca a dignidade das personaxes e os lazos de sororidade que tecen inmensas nunha violencia latente pero omnipresente que obriga á autosuficiencia e ao empoderamento, cargando todo o peso do relato nuns potentes diálogos e no enfoque íntimo e comprometido da directora.
O premio do xurado universitario foi para Vermelho Russo, de Charly Braun, por ser unha viaxe cara a madurez na que a ficción e a non ficción, o persoal e o artístico, se retroalimentan. Os integrantes do Xurado Universitario, dende a perspectiva dos novos creadores e creadoras, vense representados nese momento de aprendizaxe no que se atopan os personaxes. Nun terreo tan incerto como é o artístico consideran que debemos aprender a convivir coas inseguridades, egos e competitividade sen deixar de ser nós mesmos.
Este sábado 28 nos Cines Ourense PonteVella-Galicine e domingo 29 no Cineclube Padre Feijoo proxectaranse os filmes gañadores.