Chega a 10ª edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outono, que organizan a Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Unión de Hosteleros Ourensanos (UHO). Ata o día 12 de novembro, 46 establecementos da cidade participarán na actividade, que se enmarca entre dúas datas festivas tan relevantes para a cidade como Samaín e Magostos.
Como cada outono, o requisito imprescindible para participar é que os pinchos estean elaborados con cogomelos e/ou castañas, materias primas frescas e de tempada, buscando potenciar así os produtos locais.
O importe máximo dos pinchos é 2,50 euros: prezos populares ao alcance de todos os petos para que todo o mundo poida achegarse a saborear estes petiscos.
Nesta edición participarán 46 establecementos, do cales 12 fano por primeira vez. A maioría están concentrados na zonas dos Viños e no Ensanche, aínda que establécese o barrio da Ponte como alternativa para unha escapada culinaria con 4 locais do outro lado do Miño.
Entre as tendencias desta tempada nos menús destacan a fusión de ingredientes tradicionais con cociñas exóticas como a tailandesa e a mexicana, as crêpes e outras variedades de pinchos recheos (canelóns, filloas), e as tostas de porco, un clásico da nosa gastronomía. As salsas serán a sorpresa este ano.
Os premios oficiais do concurso son os 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o Premio Pincho Celíaco, outorgado pola delegación ourensá da Asociación Galega de Celíacos, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración.
Cómpre lembrar que o público que deposite o seu voto nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade. Toda a información sobre locais e pinchos pode consultarse na web específica que habilitada dentro da portal da Concellería, no enderezo http://saboresdeourense.turismodeourense.gal/.