O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa a manter encontros periódicos cos rexedores e rexedoras de Galicia para avanzar, desde o consenso e a colaboración, nas liñas de actuación en materia social encamiñadas a atender ás persoas e familias máis vulnerables e que máis precisan da axuda das administracións públicas. Rey Varela entrevistouse no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega Núñez, con quen abordou asuntos de índole social que afectan a esta localidade ourensá, entre outros a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Neste sentido, o responsable da área social do Goberno galego lembrou que a Xunta de Galicia incrementou entre 2015 e 2017 as horas de SAF nun 24,6%, o que se traduce en 1260 horas anuais máis. Deste xeito, os veciños e veciñas da localidade, teñen á súa disposición un total de 6384 horas de servizo. Rey Varela destacou que o obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes. Cómpre destacar que ademais deste servizo, as persoas maiores contan cunha residencia no municipio de titularidade autonómica que conta con 36 prazas e para a que a Xunta achega máis de 540.000 euros neste 2017.
No ámbito de atención aos máis pequenos e da conciliación, Castro Caldelas conta con unha escola infantil unitaria de cero a tres anos pertencente á rede Galiña Azul. Este recurso oferta 20 prazas e na actualidade hai 10 nenos e nenas matriculados polo que non hai lista de agarda.
Ambos mandatarios abordaron outras cuestións de interese para optimizar e dinamizar os recursos dos que dispoñen as administracións coa finalidade de acadar todas as melloras posibles na calidade de vida dos galegos e galegas e establecer unha política social que se adapte ás necesidades de cada concello.