En 1988 escribiu un libro “As voces da saudade”, que foi premio Cidade de Ourense; en 1996 foi “O rito do regreso” e no 2010 publicouse “As luces de noutrora”. A nova obra de Vázquez Naval, Poesía reunida (1988 – 2017), editada por Editoria Eurisaces, recolle os tres poemarios anteriores mais o inédito Temporais pasaxeiros (poemas escritos entre 2011 e 2016) que pode facer de epílogo dos outros tres.
Que se vai atopar o lector en “Poesía reunida”?
Edelmiro Naval: “Temáticas que definen a miña obra poética, que son: a pegada que deixa o paso do tempo (a memoria); os afectos, tanto os vividos no sentido de traelos ao presente. Non lamentarse polo pasado senón traelo para iluminar o presente e, incluso os proxectos do futuro.
Outra pequena temática que hai nalgúns poemas é apoesía intimista con certos tonos existenciais e certa expresión da saudade existencial. Tamén hai un número de poemas que son de temática social”.
Cóntanos un pouco a túa traxectoria poética.
E.N.: “Según a definen algúns críticos literarios é bastante clásica -utilizo moito o endecasílabo-. É clásica nese sentido, despois a temática trata de instalarse en temas actuais. De feito, poetas que influenciaron en min son Baudelaire, Rimbaud, Emily Dickinson. Como di Claudio Rodríguez Fer no prólogo -de “Poesía reunida”- son un poeta clásico e ás veces clasicista. Na miña poesía hai moito soneto”.
Máis de 50 anos de vida poética.
E.N.: “Practicamente. Vivín un pouco deslumbrado pola poesía ata os 22 anos, que empecei a facer matemáticas; houbo un período que, aínda que seguía sendo lector, non escribía. Ata esa idade escribía e levei premios”.
Cando empezaches a sentir curiosidade pola poesía?
E.N.: “En cuarto de Bacharelato, cando tiña uns catorce anos máis ou menos”.
Era o normal nesa época esa paixón pola poesía?
E.N.: “Eu estudei os seis primeiros anos nun Seminario e nese mundo que era moi reducido e limitado unha escapatoria perfecta era a literatura. Era un rapaz moi tímido e para min descubrir a Juan Ramón Jiménez, a Lorca -que había que lelo un pouco escondido-, aquelo era unha cousa totalmente fascinante.
Depois gañei a vida coas matemáticas, pero nunca perdín a afección pola literatura”
Es matemático. Como se compaxinan as letras e as ciencias?
E.N.: “Iso é unha pregunta que sempre se fai e non vexo ningunha contradición entre elas. Unha vez díxenlle a unha persoa á que apreciaba moito (Marcos Valcárcel), que un soneto era o mesmo que un teorema ben demostrado; percíbese a mesma beleza nun soneto ben feito que a demostración de que o conxunto dos números primos é infinito, por exemplo. Para min teñen a mesma validez estética”.
En que temática te atopas máis cómodo?
E.N.: “Todo o mundo di que o que máis inflúe na miña poesía é a memoria, o paso do tempo, o mundo da infancia. A miña infancia é rural, desenvolveuse nun pobo de Toubes (A Peroxa). Alá polos anos cincuenta e pico, nese mundo que era totalmente distinto ao de agora, e que me é imposible non regresar constantemente a el. Pero non recurro a el coma un refuxio, volvo para que me ilumine a miña vida actual. Esa é a miña fonte de inspiración: a familia, os afectos, a infancia,…”.
Hai evolución na túa poesía?
E.N.: “Si, aínda que hai sete ou oito temas fundamentais. Para min ten moita importancia o valor formal dun poema. O contenido é moi importante ao igual que a forma de expresar o mesmo. Ten que haber unha perfecta simbiosis entre eso. Eu non creo que os poemas se fagan en cinco minutos, aínda que penso que os teus mellores están aí, no teu interior, e que si que saen pronto. Por exemplo neste -”Poesía reunida”- haberá 10 ou 12 que me xustifiquen a min”.
E tes algo de prosa?
E.N.: “Teño algo pero non publicado. Un relato de fición duns 60 folios que se títula “O neno e o forasteiro”. O forasteiro é o pai do neno e está centrada na vida rural”.
Houbérache gustado ser escritor profesional?
E.N.: “Imposible. Co meu nerviosismo seríame imposible ir de escritor polo mundo”.
Por norma xeral, os poetas clásicos facían as súas mellores obras cando máis atormentados estaban. Pásalle o mesmo a Edelmiro?
E.N.: “Se estás moi atormentado non escribes nada. Si que pode sedimentarse e aflorarse nos poemas “.
Xa tes novas poesías na mente?
E.N.: “En mente si pero non quero acelerarme. O que si teño claro é que teño que romper cos anteriores. Estes xa tiveron o seu principio e fin. O próximo xa será un máis centrado na miña idade; máis sosegado”.