700 deportistas daranse cita nos campionatos de España de Remo que se disputarán os días 27 e 28 de xaneiro, en Ribadavia e Castrelo de Miño. A presentación tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González; o presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas; o alcalde e a concelleira de Deportes de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez e Maribel Rodríguez, e o alcalde e o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Jose Ignacio Gómez e Ricardo González.
A Deputación de Ourense colabora con estas probas deportivas “que contribúen a dar a coñecer as potencialidades que ofrece a nosa provincia”, dixo Bernardino González, salientando “o apoio do goberno provincial ao remo a través do Centro de Adestramento de Remo (CERLAC), no que se dan cita ao longo do ano seleccións de diferentes países, que compiten en olimpíadas e campionatos de ámbito nacional e internacional”.
Os campionatos celebraranse o vindeiro sábado, 27 de xaneiro, no Pavillón Municipal de Ribadavia, que acollerá o XVI Campionato de España de Remoergómetro, e ao día seguinte terá lugar no Parque Náutico de Castrelo de Miño o VII Campionato de España de Fondo Trial de Inverno. Ambos eventos comezarán ás 9.00 horas.
O presidente da Federación Galega de Remo salientou a crecente participación nas probas deportivas con respecto ao ano pasado, “participando, en total en ambos campionatos, 700 remeiros, de 62 clubs de toda España”. O alcalde de Castrelo de Miño dixo que “os equipos poderán gozar da primeira fase da reforma das instalacións do parque náutico, financiada pola Xunta e a Deputación de Ourense”, e o alcalde de Ribadavia salientou que estes eventos “son unha oportunidade importante para o noso concello, tanto deportiva como social e economicamente”, e destacou a importancia da colaboración institucional.