Despois de saír os Cigarróns o domingo, 4 de febreiro, comezan os días grandes do Entroido de Verín. O primeiro deles chega o día 8, co Xoves de Comadres. Miles de mulleres disfrazadas participan en ceas colectivas, enchendo todos os restaurantes da vila, e pobre do home que estea fóra da casa á medianoite…
A esta hora a multitude vaise xuntando nas rúas facendo a procesión da vela e das sabas brancas para recibir ao Entroido e á Raíña do Carnaval no barrio de San Lázaro, escoltados polos cigarróns, para levalos en comitiva percorrendo as rúas do casco vello.
Nese intre chegará o pregón, que de xeito satírico, grotesco e burlón ridiculiza todos os sucesos acontecidos ao longo do ano na vila.
De seguido, chega o venres de transición, onde os veciños e visitantes participan xuntos na festa, amenizados por charangas e orquestras, acompañando a procesión de capuchóns e mascaritas polas rúas da vila.
Sábado de Entroido
Unha descarga de foguetes e bombas, e as inigualables charangas espertan a todos os veciños, anunciando o Sábado de Entroido. Pola tarde, na praza do Cigarrón, organizado pola Asociación do Cigarrón, terá lugar o acto solemne no que tres novos cigarróns serán vestidos, con todas as honras en presenza de toda a xente que queira acompañalos nese día tan especial. Nonfaltará a Raíña do Entroido e o Entroideiro Maior.
Ese día haberá tamén degustación gratuita de produtos típicos, como a bica e o licor café, amenizando dito acto con diversas charangas.
E xa pola noite é hora do baile popular.
Gran desfile
O Domingo Entroido, 11 de febreiro, será o día grande de maior intensidade na capital de Monterrei. Veciños e visitantes agardan a chegada do desfile de comparsas e carrozas, que se concentran no barrio de San Roque ata a súa saída.
Ás doce do mediodía comenza o gran desfile de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns, amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín, e das charangas, que percorrerán as rúas da vila, abarrotadas de xente, enchéndoas de vida, cores, alegría, música, diversión e despreocupación, sendo numerosa a multitude de persoas que termina por reunirse na praza García Barbón ao remate dese desfile popular.
Diversas orquestras e charangas amenizarán os festexos e a partires de media noite haberá verbena popular.
Luns Fareileiro
Sen tempo para o descanso chegamos ao Luns Fareleiro.
Pola mañá, o son dun foguete (para darlle unha tregua a quen dorme) avisa aos superviventes de que a música volve a soar polas rúas coas charangas.
Pola tarde, terá lugar o carnaval infantil no pavillón de deportes, con xogos e música para os máis cativos. Así mesmo, unha charanga amenizará o baile da terceira idade.
Na tardiña terá lugar reparto de bica e empanada para coller forzas e volver ao baile co son da música da orquesta.
Martes de Entroido
O Martes de Entroido podemos consideralo o derradeiro día da gran festa popular en verín.Bombas e foguetes comezan pola mañá coa mesma intensidade como anunciaron a chegada do Entroido.
Despois de xantar as rúas voltan a encherse de xente para revivir o desfile de carrozas, comparsas, máscaras e cigarróns que tivo lugar o domingo, amenizado unha vez máis pola Banda de Gaitas do Concello de Verín, e das charangas.
Conclúen este día os bailes e verbenas populares, e a festa nocturna dase por finalizada para moitos e moitas ao amencer do día seguinte.
Mércores de Cinsa
O Mércores de Cinsa é festivo local en Verín, que moitos aproveitarán para descansar e recuperarse destes días. Pero os entroideiros que aínda teñan forza participarán no enterro da sardiña pola tarde para despedir a súa tradicional festa ata o vindeiro ano.