Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a desenvolver no concello de Ourense o obradoiro de emprego Ribeiras do Barbaña que ofrece formación e traballo a 20 persoas desempregadas do municipio ourensán durante un total de 9 meses. A súa actividade destínase a mellorar as ribeiras dos ríos Barbaña e Barbañica entre a rúa Presa e o límite do concello de Barbadás. A lonxitude da actuación é de 3,3 quilómetros en cada marxe, o que supón o acondicionamento dun total de 6,6 quilómetros.
Este tipo de programas mixtos de formación e emprego se centran na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou este obradoiro de emprego, acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez.
Esta iniciativa está a formar aos alumnos e alumnas nas especialidades de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización; e, por último, traballos de carpintería e moble. O alumnado levará a cabo traballos de acondicionamento do paseo e zonas verdes das ribeiras dos ríos Barbaña e Barbañica,
Díaz Mouteira subliñou o esforzo da Administración autonómica para mellorar a empregabilidade no concello da cidade a través de distintos programas e cursos. Así, lembrou que este ano a Xunta lle concedeu ao concello da capital un segundo obradoiro, neste caso de garantía xuvenil e cunha duración de seis meses, que beneficia a outras 15 persoas desempregadas e que centra a súa actividade no Parque botánico de Montealegre co obxectivo de revalorizar o patrimonio natural e paisaxístico autóctono da zona .
19 obradoiros na provincia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 4,6 millóns de euros a desenvolver na provincia de Ourense 19 programas mixtos de formación e emprego, 14 xerais e 5 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil, que beneficiarán a 355 desempregados dun total de 67 concellos.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade, coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.