Ourense, é más concretamente o campo do campus universitario de Ourense acolle este domingo -ás 11 horas- o encontro amigable de rugbi sub 20 entre as seleccións españolas e portuguesas. Ámbalas dúas escadras tomarán este partido como preparatorio para o Campionato de Europa. A selección española xa leva días na nosa cidade preparando a cita europea.
Os dous equipos medirán as súas forzas antes do campionato. Cabe recordar que Portugal é a vixente campioa e España a actual subcampioa.
Presentouse o partido no salón de plenos do Concello de Ourense, un evento que pretende congregar a propios e alleos a este deporte, e que será de portas abertas nas instalacións do Campus de Ourense.
“Para Ourense é moi importante exercer de anfitrión para conxuntos deportivos de primeiro nivel”, salientaba na presentación o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, “porque significa que temos as condicións necesarias para facelo”. Non en van, lembraba, xa hai pechado un calendario deportivo cunha ducia de probas nacionais na cidade de Ourense.
A cidade de Ourense, que presume de 30 anos de amor por este deporte, tamén pode facelo dun equipo que xoga na Primeira División B, o Campus Ourense. Pero tamén cunha canteira feminina de primeira orde. É por iso que o delegado da selección sub-20, Sergio Gericó, manifestaba que “non estamos coma na casa, estamos en casa”.
A selección española está composta por 30 deportistas de equipos españois, galeses, italianos e franceses. Actualmente adestran nas instalacións deportivas de Monterrei e no Campus de Ourense coa vista posta na cita europea de Portugal. A selección anfitrioa é a actual campioa de Europa da categoría e unha boa proba para o conxunto español: “Na última final gañáronnos por moi pouco”, lembraba Sergio Gericó.