Barbadás acolle esta fin de semana (24 e 25 de febreiro) a primeira edición de Barbacan que inclúe charlas informativas, exhibicións, desfile de adopcións e unha proba de canicross por montes do municipio. A programación inclúe unha pasarela de adopcións de cans o sábado a partir das 18,00 horas no Paseo dos Amieiros. O domingo celébrase polos montes de Lameiras (Piñor) a 5ª proba puntuable para a Liga galega de “Mushing”.
O sábado 24 de febreiro na rúa Paseo dos Amieiros concéntranse as actividades programadas pola organización. Ás 4 da tarde desenrolarase unha charla informativa a cargo de membros de ALMA (Asociación de Ladridos e Maullidos Adoptables). Nesta charla abordarase a conciencia social diante da adopción de peludos. Ás 16,30 membros de PROGAPE (Protectora de Gatos e Cans de Ourense) abordarán noutra charla a temática sobre o abandono de cans e as segundas oportunidades. A continuación, aproximadamente ás 17,00 horas membros do Servizo Cinolóxico e Remonta da Garda Civil de Ourense realizarán unha subvención de destreza, busca e rescate. Ese mesmo sábado a mediatarde haberá unha pasarela de adopcións, na que o público existente terá a oportunidade de contemplar a aqueles animais que precisan ser adoptados nun novo fogar.
O domingo desenrólase a parte deportiva de Barbacan coa celebración da 5ª proba puntuable para a Liga galega de Mushing. Nesta proba haberá diferentes modalidades nas que os participantes poden competir: bikejoring, canicross, patín, relevos e canicross popular. Nesta proba están inscritos un total de 52 participantes.
Pablo Rico Caramés, do clube Acade, organizador do evento, destacou que o obxectivo de Barbacan é potenciar os deportes vinculados á natureza no concello de Barbadás. Rico explicou que a elección de Barbadás para este evento foi consecuencia de que este municipio “reúne unha serie de condicións para a práctica deste deporte como son a existencia de monte aberto con terreo blando ao longo das pistas que compoñen o percorrido».
Adrián Varela, concelleiro de Deportes, indicou que o Concello “quere amosar unha vez máis o seu apoio á celebración en Barbadás de eventos deportivos de diversa índole como axente dinamizador”.
Vázquez sinalou que “agardamos que sexa a primeira de moitas edicións de Barbacan e que se converta nunha proba referente do mushing galego”.
O domingo a partir das 10 da mañá o punto de encontro será o Alto do Carpazal, entre os Concellos de Barbadás e Toén. Haberá carreiras competitivas de bikejoring (MBT); canicross (carreira pedestre); patín (patinetes especiais para tiro); relevos (carreira e MBT) e finalmente un canicross popular que permita introducir estas modalidades entre as persoas interesadas. Este tipo de eventos complementa outras posibilidades de deportes de natureza como as rutas de sendeirismo ou o Castro Trail de Sobrado. No Barbacán participarán figuras de recoñecido prestixio a nivel internacional, con galegos e galegas nos primeiros postos do Nacional, Europeo e Mundial da especialidade.