A Xunta de Galicia está a impulsar no concello de Cenlle un proxecto pioneiro coa construción de seis vivendas públicas modulares que estarán rematadas o vindeiro ano e que contribuirán a fixar poboación neste municipio do rural galego. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentáronlle ao alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, esta iniciativa, con motivo da licitación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do contrato de redacción do proxecto, construción e urbanización que pon en marcha esta iniciativa.
A Xunta achega un investimento de algo máis dun millón de euros para esta actuación, cun prazo de 10 meses, que é un proxecto pioneiro en materia de vivenda modular que se pretende implantar neste municipio coma experiencia piloto.
Vázquez Mourelle indicou que o Concello de Cenlle se adapta a este proxecto piloto, polo que se vai levar a cabo a construción destes inmobles e a súa urbanización nun solar do Goberno galego, que se atopa na contorna do CEIP e ao carón das outras oito vivendas de promoción pública que a Xunta ten neste concello.
A conselleira destacou que se trata de vivendas pensadas para familias, xa que os inmobles terán unha superficie útil de entre 87 e 120 m2, un mínimo de 3 dormitorios máis salón, cociña, baño, aseo, praza de garaxe e rocho. Cumprirán a normativa das vivendas de promoción pública de Galicia e deberán ter a cualificación de eficiencia enerxética C ou superior.
A arquitectura modular consiste na construción de vivendas mediante a unión de distintos módulos estandarizados que se constrúen en taller e tan só se executa en obra a cimentación e a ensamblaxe das distintas vivendas.
A conselleira precisou que este novo modelo é unha aposta pola eficiencia, xa que permite obter vivendas de calidade e supón un aforro de case o 20% en recursos económicos e de máis do 60% en prazos. Aclarou que estas actuacións non pretenden substituír a construción tradicional, que seguirá a ser a base da edificación das vivendas de promoción pública, especialmente nos edificios de vivendas.
Explicou que a proposta da Xunta é realizar pequenos grupos de vivendas de promoción pública de tipoloxía unifamiliar en concellos rurais -dúas ou tres localidades de Lugo e Ourense- onde as parcelas se adapten a este tipo de construción.