A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira comprobou, in situ, as actuacións levadas a cabo, ao abeiro das subvencións do Fondo de Compensación Ambiental da Vicepresidencia, que permitiron reducir a factura enerxética do municipio.
Díaz Mouteira, que estivo acompañada polo alcalde, Gabriel Alén, destacou que Cenlle apostou pola eficiencia enerxética e a subvención deste ano, por importe de 29.000 euros, destinouse á renovación e mellora do alumeado público. En concreto, substituíronse un total de 47 luminarias nos lugares de Piñeiro, Roucós e A Quintá, cambiáronse os cadros de enganche e dotouse a toda a instalación dun reloxo astronómico.
“Estas reformas están encamiñadas a conseguir un aforro enerxético e ambiental mediante a utilización de lámpadas de maior eficacia luminosa e vida útil de tecnoloxía Led”, indicou Marisol Díaz. Ademais engadiu que, segundo os datos do concello, esta renovación de luminarias permitirá un aforro do 75% na factura enerxética nos lugares nos que se executaron os traballos.
O Fondo de Compensación Ambiental procede do canon eólico e beneficia dende hai xa oito anos aos concellos galegos e aos seus cidadáns, xa que subvenciona investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación natural. Ademais, o Fondo contribúe ao reequilibrio territorial, xa que a meirande parte dos beneficiarios son concellos do interior e pequenos, como é o caso de Cenlle. A delegada territorial lembrou que na anterior convocatoria os concellos da provincia de Ourense recibiron preto de 1,5 millóns de euros.