Comisións Obreiras (CCOO) xunto con Unión General de Traballadores (UGT), convocan unha folga de dúas horas por quenda de traballo para o día 8M (Día Internacional da Muller Traballadora).
Os sindicatos queren denunciar a pasividade do goberno en políticas de igualdade. Apoian a mobilización feminista con paros parciais contra a desigualdade, a brecha salarial e como rexeitamento, sen paliativos, ás violencias machistas e como xeito de visibilizar a precariedade laboral e social que sofren as mulleres.
Ademais fan un chamamentro ás traballadoras e traballadores a secundar os paros laborais de dúas horas nas súas respectivas quendas de traballo e a participar activamente nos distintos actos programados con motivo do 8M, para reiterarmos todas e todos o un compromiso social maioritario para a eliminación da discriminación salarial e profesional que están a sufrir a práctica totalidade das mulleres no mercado laboral.
Actos
Ás 11:00h. Diante Subdelegación do Goberno (Ourense) CCOO-UGT concentración baixo o lema: “Vivas, Libres, Unidas, Pola Igualdade” e ás 12:30 horas, diante do edificio Sindical (Parque San Lázaro, 12 – baixo – Ourense) concentración de delegadas e delegados.
E ás 20 horas manifestación diante da Subdelegación do Goberno.
OueC
A formación Ourense en Común tanto a edil de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, coma a auxiliar do grupo, Montse Valencia, secundarán a folga. Ademais, os seus compañeiros Martiño X. Vázquez e Miguel Doval cubrirán as funcións das súas compañeiras e compartirán con elas o salario desa xornada.
O Carballiño
A concellería de Benestar Social, Sanidade e Igualdade convoca un acto institucional no concello e unha concentración posterior na praza Maior a prol da igualdade.
O acto comezará ás 12 horas e desenvolverase no salón de plenos do concello. No mesmo participarán a totalidade dos centros educativos do Carballiño e entidades como Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e Asociacións de Mulleres. Tamén se lerá un manifestO, entregaranse os premios do VII Concurso Fotográfico “Unha mirada de xénero: a muller na súa loita” e actuará o dúo carballiñés Canela Cafuné.
Ao termo do acto, arredor das 13 h terá lugar unha concentración na praza Maior a prol da igualdade, e lerase outro manifesto por unha representante da mocidade do Carballiño.
Para ambas convocatorias convídase a participar a todas as veciñas e veciños.