Nesta edición, o equipo organizador do evento rende homenaxe ao corredor Marcos Cidras, quen sufriu lesións medulares o ano pasado tras un accidente laboral.

Verín acolle a VIII Carreira-Andaina de Monte “Pozo do Demo”

A VIII Carreira-Andaina de Monte ‘Pozo do Demo, que terá lugar o vindeiro domingo 25 de marzo, está organizada polo Concello de Verín e a Asociación de Sendeirismo Ruta das Augas.

VIII Andaina ‘Pozo do Demo’
O percorrido desta andaina é de 16 quilómetros, dificultade media, e a saída, ás 10.00 horas, terá lugar desde o Pavillón de Deportes de Verín, ao igual que a chegada (a entrega de premios e sorteos de agasallos será ás 13.15 horas).

A andaina partirá do pavillón de Deportes para dirixirse cara o pobo de Cabreiroá e Monte Maior. Tras ascender, rodease pola parte traseira ata chegar ao pobo de Veiga das Meás (avituallamento), para emprender toda a baixada pola zona coñecida como A Fraga, facendo unha ruta paralela ao río Quintas polo descenso do Pozo do Demo. Ao alcanzar o val de novo, retórnase cara o lugar de saída, pasando pola fonte de Cabreiroá (podendo facerse unha parada para beber) e atravesando os frondosos piñeiros que escoltan as pistas de terra. O percorrido estará marcado por cinta branca-vermella e pintadas de cor amarelo.

As inscricións, cun prezo de 5 euros, poderán formalizarse, ata o 20 de marzo, presencialmente en nas tenda Multisport Verín e Deportes Redonet (Rúa Ervedelo, Ourense), vía telefónica (600 410 018 e 988414423), así como no correo electrónico buzon@multisport.es Os datos que se deben facilitar: proba, nome completo, sexo, DNI, data de nacemento, categoría (só para as carreiras), enderezo completo e código postal, teléfono de contacto, club (nome) ou independente.

VIII Carreira de Monte ‘Pozo do Demo’
Carreira longa
– A saída desta proba, de 27 quilómetros e dificultade media, terá lugar ás 9:00 horas desde o Balneario de Cabreiroá e a chegada será no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.

Carreira curta
A saída desta proba, de 10 quilómetros e dificultade baixa, terá lugar ás 9:30 horas desde o Balneario de Cabreiroá e a chegada será no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.

As inscricións, para as carreiras de monte (longa e curta), cun prezo de 10 euros, poderán formalizarse ata o 5 de abril, na web www.championchipnorte.com

VIII Andaina – Carreira Pozo do Demo
As recollidas de dorsais, tanto para a andaina como para as carreiras, pódense realizar o sábado 24 de marzo, durante mañá (10:00 a 13:00 horas) e tarde (16:00 a 20:30 horas) no establecemento Multisport (rúa Irmáns Moreno), e o domingo 9 de abril, desde as 7:30 horas da maña ata media hora antes de cada proba, no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.

Homenaxe a Marcos Cidras
Nesta edición, o equipo organizador do evento rende homenaxe ao corredor Marcos Cidras, quen sufriu lesións medulares o ano pasado tras un accidente laboral. Amaya Álvarez quixo agradecer, en nome da organización, a súa participación na carreira e desexarlle ánimo e forza na súa nova etapa. “A participación de Cidra na nosa carreira foi toda unha honra e esperamos que as dificultades que a vida nos pon inesperadamente no camiño ábranlle novos retos e novas carreiras. Estamos seguros de que o deporte axudaralle nesta etapa da súa vida”, finalizou Álvarez.