O Concello de Ourense, no marco do proceso de participación cidadá para a mellora da calidade ambiental e da mobilidade: pacificación do tráfico e integración da bici no centro urbano de Ourense (Móvete X Ou), fai u chamamento á cidadanía para que este sábado, 17 de marzo, participe na actividade “Vou X Ou en bici”. O obxectivo é o de reflexionar, compartir achegas e darlle visibilidade aos problemas que os usuarios da bicicleta poden atopar na nosa cidade.
Realizarase un percorrido pola cidade, con saída ás 11:00 horas -é obrigatoria a inscrición previa no enderezo electrónico info@urbamas.com– e, ao seu remate, achegar opinións sobre as dificultades e oportunidades da implantación da bicicleta como medio de transporte habitual en Ourense.
A Comisión técnica do Móvete x OU está integrada por representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello de Ourense, técnicos de Infraestruturas e de Medio Ambiente, ademais da consultora de arquitectura e de urbanismo Urba+. Ademais, hai un ‘grupo motor’ formado por asociacións e colectivos -de carácter medioambiental, sindical, veciñal, lúdico, cultural ou de mobilidade- e por particulares. O grupo motor encárgarase de recoller as propostas e de dinamizar outros subgrupos que traballen dunha forma máis focalizada, e permanecerá aberto a futuras incorporacións.