Desde o colectivo aseguran que «as árbores de Ourense morren. O Concello de Ourense non está a cumprir coas súas obrigas no coidado e protección do noso patrimonio arbóreo».
As veciñas autoorganizadas no colectivo Amigas das árbores de Ourense saen este mércores á praza a defender as súas árbores. No Día dos Bosques realizarán unha acción de simbiose con coidados e plantación na praza San Marcial. O acto complétase co recitado de poemas xa que tamén se celebra o Día da Poesía.
Pola mañá presentarán no rexistro do concello o documento “Sete razóns para coidar das árbores” no que dan conta da necesidade dun cambio integral na política de coidados das árbores que está a desenvolver o goberno do partido popular no noso municipio.
O xoves 22 ás 20h no salón de actos da Biblioteca terá lugar a proxección do film de Gerardo Olivares, Entrelobos, que narra a historia de Marcos Rodríguez Pantoja: o neno lobo. O acto ten carácter solidario xa que a entrada estará destinada a colaborar con Marcos que actualmente está a atravesar unha etapa de dificultades económicas. Contará coa presencia do propio protagonista quen compartirá coas persoas asistentes parte da súa experiencia vital. Colaboran no desenvolvemento da proxección o Cine Clube Padre Feijoo e a Biblioteca Pública de Ourense.