Terá lugar entre o 2 e o 5 de maio.

Máis de 100 horas de actividades na Ourense ICC Week

Vén de ser presentado o completo programa da Ourense ICC Week 2018, que contará con máis de 100 horas de actividade e case unha vintena de ponencias entre o 2 e o 5 de maio.
O presidente da Deputación de Ourense destacou que o evento “focaliza todos os ámbitos da innovación, e supón unha explosión de vangarda que sitúa a Ourense como provincia da creatividade, presentando as últimas novidades en innovación”.

Manuel Baltar remarcou que Ourense “volve converterse na capital do debate da innovación e da creatividade coa “Ourense ICC Week”, que chega á súa cuarta edición cun programa tremendamente atractivo e con actividades que se desenvolverán na cidade pero tamén se trasladarán a lugares emblemáticos da nosa provincia como os mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo “Otero Pedrayo” e tamén o Campus de Ourense”.

Artistas
Pasarán por Ourense, con motivo deste evento, nomes como o de Bárbara Ouka Leele -fotógrafa e deseñadora-, Paco Clavel -artista e axitador cultural- ou Javier Mariscal, creador do Cobi mascota dos Xogos Olímpicos de Barcelona, entre outros.
Ao longo desta semana debatirase en diversos lugares da provincia sobre a fotografía, a música, o cinema, a arqueoloxía, o humor, as TICs, o gaming, e a xestión cultural.
Ademais, o “alma mater” de Los Suaves, Yosi Domínguez, recibirá o Premio Musa SGAE. E non faltará a música da man de Mikel Erentxun ou mesmo Morgan.
Paralelamente a estas actividades, os días 3, 4, 5 e 6 de maio, o Campus de Ourense, acollerá a “ICC Gamers”, que inclúe dúas actividades: a “ICC Technium R Encounter” (contará con catro grandes torneos) e a “ICC eSports”.

Inscricións
Os interesados en participar nas diferentes propostas da Semana das Industrias Culturais poderán inscribirse, gratuitamente, a través da web www.ourenseiccweek.com, ata completar aforo, excepto as entradas para os concertos de Morgan e Mikel Erentxun, que teñen un custo de 12 euros, e poden adquirise a través ataquilla.com.