A comunicación política en todas as súas variantes aplicadas á administración pública é o tema sobre o que tratará a “VII Xornada sobre as deputacións do futuro”, organizadas pola Deputación de Ourense e que teñen como obxectivo analizar iniciativas de innovación aplicadas á xestión dos gobernos locais e provinciais. O evento celebrarse o vindeiro venres, 1 de xuño, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, e será inaugurado polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o xerente da fundación “Democracia e Goberno Local”, José Luis Moreno Torres, entidade coorganizadora da xornada.
Dirixida a cargos electos, representantes institucionais, técnicos das administracións locais e provinciais e persoas interesadas nesta temática, a xornada desenvolverá relatorios sobre “A importancia de construír unha mensaxe eficaz”, a cargo da catedrática de Lingua Española da Universidade de Barcelona, Estrella Motolio; “As novas formas de comunicación a través das redes sociais”, a cargo de Fran Carrillo, director xeral da consultora de comunicación “La fábrica de discursos”; “A relación entre políticos e periodistas”, relatorio que ofrecerá Verónica Fumanal, analista política e especialista en comunicación e liderado en medios de comunicación; e “As peculiaridades da comunicación no ámbito local”, por parte de José Luis Vicente, consultor de administración local e comunicación política.
Na xornada, que por sétimo ano consecutivo organiza a Deputación de Ourense, sitúa ao goberno provincial como referente en transparencia no ámbito local e na aplicación da innovación á xestión pública. A finalidade, segundo afirma Manuel Baltar “é seguir mellorando, revisando e implementando solucións sobre arquitectura, competencias, xestión, financiamento e comunicación das administracións públicas, unha iniciativa que puxemos en marchas desde Ourense para que sexa un punto de encontro da actualidade da administración local e provincial, co obxectivo de analizar modelos que permitan aumentar a eficacia na xestión dos entes administrativos”.