A calidade, variedade e orixinalidade dos milleiros de artigos que ofreceron os 53 expositores nesta primeira edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, atraeron 2500 visitas durante a fin de semana. Este foi o primeiro certame coorganizado entre Expourense e a asociación “Memoria Antiga”, e polo tanto impulsado por promotores ourensáns.
Antiq Auria foi unha feira orientada tanto aos profesionais do sector das antigüidades como ao público xeral que recibiu a visita da a familia que buscaba un obxecto único e diferente para o seu fogar ata de empresarios que empregan este tipo de artigos para ambientar os seus locais e negocios.
Coa participación de expositores procedentes de todos os puntos de España e Portugal e tamén de expositores arxentinos, franceses e suízos, Antiq Auria converteuse sen dúbida nun punto de encontro de nostálxicos presentando multitude de obxectos únicos e cheos de historia divididos en tres áreas: antigüidades, coleccionismo e vintage. Ademais de punto de venta, Antiq Auria serviu tamén para que os visitantes tiveran a posibilidade de taxar ou vender aquelas obxectos antigos que teñen nos seus fogares.
Antiq Auria é un proxecto conxunto entre Expourense e a Asociación “Memoria Antiga”, fundada por dous anticuarios da cidade de Ourense, José Antonio Ferreiro de Antigüedes Urbano e Gerardo Román de Antigüedades La Quinta. O obxectivo que os levou a lanzarse a organizar esta primeira edición foi o de organizar unha feira “seria e de calidade” que axude a consolidar á provincia de Ourense como o gran referente das antigüidades en Galicia e un dos máis importantes a nivel estatal, con gran tradición entre a cidadanía.