Celebrarase o domingo 17 de xuño.

A milla solidaria regresa ao Paseo

Por segundo ano consecutivo, a Milla Urbana Solidaria celébrase na rúa do Paseo. Nesta ocasión terá lugar o vindeiro domingo, 17 de xuño.

As series desta proba, de medio fondo, darán comezo ás 11 horas. Nesta xornada disputaranse carreiras en todas as categorías (pitufos, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, sub 23, sénior e máster). As carreiras estarán adaptadas aos participantes segundo a súa idade. Así, os pitufos percorerrán 100 metros; os sub 10 e 12, 400 metros (un cuarto de milla); os sub 14 e 16, 800 metros (media milla); e o resto de categorías completarán a milla, 1.609 metros nun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

Inscricións
As inscricións están abertas a todo o mundo -estean ou non federados- e para participar deberán anotarse na web carreirasgalegas.com. A data tope de inscrición é o mércores, 13 de xuño. Toda a información en ourensemillaurbana.com.

AECC
Tamén, por segundo ano consecutivo, o recadado irá destinado á sede de Ourense da Asociación Española Contra o Cancro. Os 3 euros de inscrición dos atletas das categorías absolutas irán a tal fin. Ademais hai habilitado un dorsal 0 para todos os que queiran aportar o seu gran de area e doen a cantidade que desexen.
O ano pasado púidose mercar, co recadado, unha cama ortopédica para pacientes en estado avanzado da enfermidade.
Este ano o obxectivo é destinalo para a adquisición dun guindastre para mellorar a mobilidade de enfermos en fase terminal. A grúa ten un custe aproximado de 1.200 euros.
Grazas a estas axudas, por parte dos organizadores da milla solidaria, desde a AECC tentarán crear o primeiro Banco ortopédico de España.