Esta semana, tivo lugar no Concello de Verín a Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, cuxa finalidade é convocar ás diferentes institucións implicadas na loita contra a violencia de xénero da comarca e da provincia de Ourense, para dar unha resposta máis efectiva ós casos e incidir na importancia da prevención primaria.
A mesa foi presidida por Diego Lourenzo Moura, o tenente alcalde do Concello de Verín, e acudiron José Luis Suárez Martínez, presidente da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, e Manuel Pardo Cid, xefe territorial da Vicepresidencia e consellería de Presidencia, Administracións Públicas de Xustiza de Ourense.
Estiveron presentes tamén nesta primeira convocatoria diferentes profesionais da subdelegación do Goberno, CIM da Mancomunidade de Verín, Servizos Sociais, Emume, Garda Civil, Policía Local, centro de saúde e os centros educativos da comarca: IES García Barbón, IES Taboada Chivite, IES Castro Baronceli, Colexio María Inmaculada, IES Castro Baronceli, Colexio Padres Mercedarios, CEIP Princesa de España, CEIP Amaro Refojo, Colexio Vicente Risco de Cualedro, Grupo Escolar de Oímbra, CRA de Monterrei e o CEIP de Castrelo.
Según explicou Diego Lourenzo os obxectivos desta primeira mesa foron aprobar as bases dunha futura colaboración entre as diferentes institucións para loitar contra esta «lacra social» que supón a violencia de xénero e a posible creación dun futuro plan de coordinación comarcal para a prevención primaria da violencia de xénero e resposta efectiva ós casos detectados.
Por outra banda, o Centro de Información a Muller mencionou, entre outras propostas, a necesidade de dispoñer dun Punto de Encontro Familiar na comarca de Verín, levar a cabo un Observatorio de Igualdade a nivel comarcal, para realizar unha diagnose do que está acontecer e poder intervir con maior precisión, e unha colaboración comarcal para ofertar ós menores vítimas de violencia de xénero máis recursos lúdicos e educativos para axudar a sobrelevar a situación.
A mesa de coordinación terá lugar como mínimo cada seis meses, deixando pendentes en esta primeira sesión moitos temas de relevancia porque “aínda que non se ve, a violencia de xénero está incidindo na nosa comarca e é a nosa responsabildade facerlle fronte”, puntualizaban na mesa.