‘Survival zombie’: na procura da fórmula contra a praga de mortos viventes que pode arrasar coa humanidade. Así se describe a actividade que a Concellería de Xuventude presentou para este sábado 23.
Un evento que pode cambiar o curso da historia: trátase do Survival Zombie, un xogo aberto a toda a mocidade (a partir de 10 anos) de Ourense no que haberá que procurar o antídoto contra unha praga de mortos viventes. Na organización haberá máis dun cento de persoas, e cóntase coa complicidade do Campus de Ourense de rugbi e dos Olimpo e Uro, de airsoft.
“As persoas participantes deberán ir pasando unha serie de obstáculos terroríficos en equipos de catro persoas”, adiantaba a concelleira Sofía Godoy, na presentación. Trátase, en calquera caso, de “pasar unha noite de terror e pasalo de medo”, dixo.
“A mocidade ten capacidade organizativa e de xestión para facer cousas interesantes por esta cidade”, comentaba Alberto Núñez, de Xogón, organizador do evento. Pódese anotar calquera persoa con ganas de participar e de divertirse: recibirán un kit de supervivencia á súa chegada e haberá un grupo de voluntarios axudando a maquillar a todos os asistentes. No caso dos menores de idade, deberán achegar un documento asinado por un titor legal, e deberán estar sempre acompañados por unha persoa maior de idade no desenvolvemento dos xogos.
O evento comezará ás 19:30 horas, aínda que o parque Beiramiño estará preparado desde a mañá para o evento, e durará até pasada a media noite.
Toda a información sobre o evento, en facebook.com/ourensezombie.