Arredor de oitenta deportistas participarán este sábado, 23 de xuño, na III Copa Deputación de Patinaxe Artístico, que organiza o Club Fénix, en colaboración coa concellería de Deportes do concello do Carballiño, e que se celebrará no pavillón de deportes Paco Chao.
O evento foi presentado nun acto ao que asistiu o alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; a entrenadora do club Fénix, Noelia Silva Rodríguez; a presidenta do club, Marta Domínguez, e Celia Rodríguez.
Noelia Silva destacou a importancia deste campeonato, que espera sexa oficial no calendario da Federación Galega de Patinaxe para o próximo ano. Neste senso, recalcou o avance conseguido en pouco tempo para promocionar este deporte no Carballiño e integralo a nivel provincial e galego. Así, dixo que ía ser un gran día para os nenos e nenas patinadores, e que esperaba unha boa afluencia de afeccionados nas bancadas.
As portas do pavillón abriranse ás 10:45 h, para dar comezo ás probas das categorías inferiores. Ás 13:30 h realizarase a primeira entrega de trofeos.
A partir das 16 h, continuará o campeonato coas seguintes categorías, ata as mais altas, a rexional. Está prevista a entrega de trofeos a partir das 19:30 h.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo que leva a cabo o club Fénix para poromocionar o deporte do patinaxe no Carballiño, así como por traer esta copa ao Carballiño.
Manuel Dacal tamén felicitou ao club e á directiva por incentivar o deporte base e por apostar polo Carballiño como vila de acollida de grandes eventos deportivos que repercuten no eido deportivo pero tamén no turístico. Así mesmo, agradeceu á Deputación a súa colaboración coa promoción deportiva no Carballiño, así como os patrocinadores que fan posible a realización desta competición: Frigoríficos Florindo, Pastelería La Creme, Gadis, Flor de Lis e o Centro Comercial Aberto.