Os concellos da provincia de Ourense van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de máis de 721.000 euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados desta convocatoria de axudas.
En total serán 59 concellos ourensáns os beneficiarios destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en tres liñas de actuación: a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres. Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos.
Tres programas subvencionables
Das tres liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIMs é a de maior dotación, cunha contía que ascende na provincia a 555.252 euros, que se distribúen en 14 centros: Avión, O Barco, O Carballiño, Xinzo da Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, Mancomunidade Terra de Celanova, Mancomunidade do Ribeiro, Mancomunidade Conso-Frieiras e Mancomunidade Santa Águeda, e beneficia a un total de 49 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 37 persoas que traballan nos centros da provincia en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.
Por outra banda, destinaranse 22.000 euros ao programa de prevención e tratamento integral de violencia de xénero, que chegará a 10 concellos: Ourense e Allariz e aos que integran a Mancomunidade Terra de Celanova. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución.
Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con algo máis de 144.000 euros para financiar accións en 15 entidades locais que agrupan a 31 concellos ourensáns. Ao respecto, a secretaria xeral adiantou que esta liña se vai incrementar dada a elevada demanda rexistrada este ano por parte dos concellos.