Ourense en Común instará ao goberno municipal no pleno do venres, 6 de xuño, para que organice unha xornada aberta á participación do movemento veciñal, colectivos sociais, e colexios profesionais, e que “se fale claro” sobre o impacto da chegada da alta velocidade á cidade de Ourense, e en particular, sobre a configuración que terá ao seu paso polos barrios de San Francisco e Peliquín.
O grupo trasladará así, en forma de moción, a “manifesta incerteza” que sobre a adaptación da actual vía “se palpa entre a poboación, especialmente nos barrios máis próximos ao trazado ferroviario”.
Logo de visitar San Francisco e Peliquín nos recentes meses de maio e xuño, dando continuidade á iniciativa A Voz do Barrio coa que Ourense en Común está a percorrer a cidade “para dar voz á veciñanza”, o voceiro do grupo afirma que os veciños e veciñas destas áreas da cidade “descoñecen por completo o futuro da infraestrutura e demandan información ”.
Martiño X. Vázquez advirte de que “ningún dos recentes avances sobre o AVE teñen por obxecto reparar a fenda histórica que divide Ourense, ningún namentres non haxa compromisos coa variante exterior”, e apela ao goberno a “ser honestos“ e “informar debidamente” á veciñanza do “custe” que terá, “no día a día e no futuro”, a adaptación do actual trazado para que “o AVE atravese a cidade”.