A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantivo un encontro de traballo con representantes municipais do Pereiro de Aguiar e veciños da zona onde se vai executar o proxecto dos itinerarios peonís previstos na estrada OU-537, na zona dos parques empresariais, e na OU-536, na Derrasa.
Díaz Mouteira explicou que se trata dun proxecto en proceso de información pública, que rematará o vindeiro 12 de xullo, para que se poidan formular ante a Axencia Galega de Infraestruturas observacións relativas á concepción global do trazado deseñado. A delegada territorial precisou que unha vez estudadas as alegacións recibidas, as que sexan tecnicamente viables serán incorporadas ao proxecto, para a continuación elevalo ao Consello da Xunta e licitalo.
Dous itinerarios
O proxecto, cun orzamento estimado duns 900.000 euros, define dous itinerarios peonís e ciclistas, un deles na marxe dereita da OU-537, estrada dos parques empresariais, cunha lonxitude aproximada de 2,25 km, entre os pp.qq. 0+010, na intersección coa OU-101, na Medorra, e o 2+255, na intersección coa OU-536, na Derrasa.
A outra senda proxéctase na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade no embalse de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.
As sendas terán un ancho mínimo de 1,8 metros na OU-537 e de 2,5 metros na OU-536, e irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito. Executaranse con formigón coloreado.
Estas actuacións, que serán cofinanciadas con Fondos Feder 14/20 para o fomento da mobilidade sostible, están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Ourense, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.
Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.