Música tradicional e cultura medieval danse cita un ano máis no Bolo, na segunda edición do “Festival no castelo do Bolo”, un evento que terá lugar o día 14 de xullo, ás 17 horas, e no que se homenaxea este ano ao grupo de música tradicional “Os Rosales” de Rianxo. A presentación tivo lugar no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo; o alcalde do Bolo, Manuel Corzo; e o gaiteiro, Óscar Ibáñez.
Rosendo Fernández salientou que o evento cultural terá lugar nun dos lugares emblemáticos da nosa provincia, “o Castelo do Bolo, coñecido polos veciños como “torre de homenaxe”, que foi rehabilitado no ano 1999 ata converterse no lugar que hoxe é, un espazo de lecer e cultura”.
O programa do festival, que será presentado por Manola Porto, inclúe, nese contexto de cultura medieval, un espectáculo de cetrería a cargo das Rapiñas do Salnés, explicou Xosé Lois Foxo, quen sinalou que actuarán a repentista Alba María, Os Rosales de Rianxo, o Grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, as Cantareiras da Seitura de Lentellais e a Banda de Gaitas do Bolo, composta por 20 nenos que actuarán por primeira vez no festival. Tamén participará a Real Banda de Gaitas da Deputación: o gaiteiro Óscar Ibáñez e os alumnos das Escolas Abertas da Secretaría Xeral de Emigración, coa participación de Cuba, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Perú e Suíza, “que nesas datas celebran en Ourense un curso intensivo, destinado aos músicos dos centros galegos de mundo”, dixo Ibáñez. Asemade, o castelo acollerá unha exposición de gaitas primitivas, do 12 de xullo ata o 25 de setembro.
En canto aos homenaxeados, Xosé Lois Foxo explicou que se trata “de poñer en valor a persoas que mantiveron o mundo da gaita, merecido recoñecemento a estes gaiteiros insignes e referentes da cornamusa do noso país”. Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura dixo que este festival “contribúe a dinamizar o rural con actividades culturais, musicais e de lecer no castelo do Bolo”, mentres que o alcalde do Bolo animou a visitar o municipio ese día “para poder gozar da música tradicional nunha paraxe incomparable”. Ao remate da presentación, as cantareiras da Real Banda de Gaitas interpretaron a obra Xota de Beariz.