A Comisión Técnica do proceso de participación cidadá Móvete por Ourense avanzou, na reunión celebrada a pasada semana, as 21 accións do plan integral pola mobilidade “a curto, medio e longo prazo”, segundo avanzaba o concelleiro de Infraestruturas, José Araújo, “para converter os peóns nunha prioridade na cidade”. O documento do equipo técnico (Urba+), resultado das achegas dos diferentes grupos motores que participaron no proceso, foille presentado aos representantes dos grupos políticos (PP, PSOE e Ourense en Común, xa que DO decidiu non formar parte da Comisión) e técnicos municipais co gallo de poñer en funcionamento políticas transversais que conduzan a unha pacificación do tráfico e ao fomento de medios de transporte non agresivos co medio ambiente, coma o autobús ou a bicicleta.
As accións propostas pódense resumir en cinco grandes bloques derivados das ideas forza resultantes do proceso de participación. O primeiro, o de construír “un modelo de cidade con vontade e valentía”: Así, a Comisión valora revisar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), e a creación dunha comisión para o seguimento do plan.
No bloque de “Cidade para o peón”, prevense campañas de sensibilización coa idea de que “camiñar resolve”, adherirse á Rede de Cidades que Camiñan (da que forman parte, entre outras, Sevilla, Córdoba, Pontevedra, Vitoria – Gasteiz, Valencia, Pamplona, Zaragoza…) e, neste sentido, a creación dun metrominuto (ou plano da cidade que informe sobre a distancia dos percorridos a pé entre os diferentes puntos da mesma), establecer as bases para o reparto dos usos nas rúas en función do seu tamaño e mesmo cortes puntuais nas rúas para valorar o impacto desas accións.
O terceiro bloque está dirixido a cumprir a ordenanza de tráfico, para o que se propoñen accións de reforzo da Educación Viaria e unha comisión de seguimento do cumprimento da Ordenanza de Tráfico, a partir das memorias mensuais ou trimestrais elaboradas pola Policía Local.
O cuarto bloque correspóndese co modelo de Cidade-30, que persegue que a velocidade media do tráfico rodado non exceda dos 30 km/h a través da eliminación de semáforos, reordenación do tráfico e colocación de elementos disuasorios para reducir a marcha dos vehículos.
Así mesmo, o plan integral presentado esta mañá inclúe outras accións para o cambio de modelo de cidade, tales como un plan de aparcadoiros alternativos para o horario de entrada e saída nos colexios, unha ronda de circunvalación do tráfico rodado para deixar o centro libre para os peóns, aparcadoiros disuasorios, a renovación do plan de transporte colectivo ou a creación dunha infraestrutura ciclista.
As accións do plan integral valorado hoxe na Comisión técnica entregaranse, definitivamente, no mes de agosto para que, na primeira semana de setembro, dean comezo as accións previstas a curto prazo.