Do 10 ao 12 de agosto, Verín acollerá unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei.
Nesta ocasión participarán un total de 16 das 26 adegas que conforman a denominación, unha máis que na pasada edición. “Esta cifra consolida o apoio do sector vitivinícola a esta iniciativa”, destaca a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez.
Do mesmo xeito que nas tres últimas edicións, a praza da Alameda acollerá esta cita vitivinícola que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona, “co obxecto de seguir unindo viño e gastronomía”. O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 10 de 20.00 a 23.00 h. sábado 11 de 11.30 a 14.00 h. e de 20 a 01.00 h., e domingo 12 de 11.30 a 14 h. e de 19 a 23.30 h. Mentres que os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.
O acto inaugural da XIII Feira do Viño de Monterrei manterase na Alameda de Verín o venres 10, a partir das 20 horas. Nesta edición o pregoeiro será Castor Gago Álvarez, xefe de Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe de Monterrei. Despois do mesmo, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei continuará na igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei. O acto estará amenizado polo grupo Dixie Kings, sexteto de Jazz que rememora as bandas rueiras dos anos 10-20 cos seus inconfundibles desfiles.
Por segundo ano consecutivo, desde o Consello Regulador decidiuse convidar a todos os viticultores inscritos no mesmo co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. “Do mesmo xeito que se fixo na pasada edición, e na recente conmemoración do 25 aniversario, queremos que sexan partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e a das adegas non existiría esta denominación”, indica a presidenta.
Xunto á presidenta da D.O Monterrei, participaron na rolda de prensa o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a concelleira de Educación, Cultura e Festas, Emilia Somoza e a edil de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes, Purificación Caldelas. Ante os medios de comunicación congregados esta mañá no Concello, os intervenientes fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, co obxectivo de coñecer de primeira man a calidade dos viños de Monterrei.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, anunciou que, como novidade nesta edición da Feira do Viño, instalarase un stand de augas mineiromedicinais de Verín no que os visitantes poderán degustar as augas dos diferentes mananciais da vila “recén extraidas dos mesmos, e conservando todas as súas propiedades mineiromedicinais intactas”, explicou Seoane. “Como ben sabemos, un dos motores da nosa comarca é o viño pero nun evento tan importante como este, que atrae a máis de 20.000 visitantes, non debemos perder a oportunidade de visibilizar a outra gran potencialidade de Verín, que son as nosas augas”, finalizou o alcalde.
Pola súa banda, Purificación Caldelas quixo destacar a gran importancia que ten este evento para “visibilizar e valorizar o potencial cultural turístico, gastronómico e, por suposto, enolóxico que ten a nosa comarca”.
Axenda de actos
Gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O. de Monterrei. Así está previsto, segundo confirmou na rolda de prensa a concelleira de Educación, Cultura e Festexos de Verín, Emilia Somoza, que o acto inaugural da Feira estea amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Na xornada do venres, ademais, actuará na Praza García Barbón a Orquestra Principal, de 00:30 a 03:30 horas.
O sábado 11 de agosto, ás 21.00 horas, a agrupación musical Candaira ofrecerá, con saída desde a Praza García Barbón, unha actuación itinerante. Somoza destacou que, “sen dúbida, o prato forte desta xornada serán as actuacións programadas para a verbena do sábado á noite”. Ás 00:00 horas, o cantante arxentino Coti, presentará en Verín a súa xira internacional 2018. Un incrible concerto en directo dun dos compositores máis importantes de fala hispana. Na noite do sábado, puntualizou Somoza, “gozaremos dunha avalancha de música con todos os temas máis coñecidos de Coti Sorokin acompañado da súa banda na que, sen dúbida, será unha noite difícil de esquecer.”
A partir da 01:45 horas, será en quenda de Guateque da Década, agrupación musical dirixida por Carmelo Martínez, unha das voces integrantes iniciais nos anos 80 da Decada Prodigiosa, agrupación que obtivo multitude de números 1 nas listas de éxitos recreando os grandestemas da música pop dos anos 60, e máis adiante os 70 e os 80, coa súa fórmula de “ medleys” enlazando éxitos musicais.
O domingo 12 de agosto, ás 12:30 horas, a praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. Por outra banda, A Orquestra Finisterre, ofrecerá unha sesión de tarde, de 21 a 23 horas, e unha actuación nocturna desde a 01:45 a peche.
Posteriormente, e como peche desta gran celebración, a praza García Barbón, será o lugar de encontro para o concerto de SES dentro da súa xira “ Readmirando a Condición”, quinto traballo da artista no que a cantora coruñesa volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, «Admirando a condición», que publicara en 2011.