Os afeccionados ás carreiras de montaña teñen unha cita especial no “III Trail Ribeira Sacra”, que se disputa o vindeiro 14 de outubro en Luíntra (Nogueira de Ramuín), unha proba que contará con dúas modalidades deportivas, de 24 e 47 quilómetros, percorrendo os lugares máis emblemáticos da Ribeira Sacra ourensá. A presentación deste evento deportivo tivo lugar no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, e o presidente do club de montaña Grupo Cuevas-Nogueira Trail, Diego Novelle.
Rosendo Fernández cualificou a esta proba como “un exemplo da mellor simbiose entre deporte, historia e natureza, á vez que contribúe a promocionar un dos enclaves máis fermosos da nosa provincia: a Ribeira Sacra, patrimonio mundial de riqueza natural”. “Poñer en valor o territorio e as súas singularidades é o obxectivo desta carreira de montaña, que une actividades saudables en relación directa coa natureza”, expresou o vicepresidente, subliñando a importancia desta proba que impulsa o ámbito socio-económico e turístico da Ribeira Sacra.
A saída e chegada da proba nas súas diferentes modalidades terán lugar, segundo explicou Diego Novelle, na praza de Luíntra, sendo a saída para a proba de 47 quilómetros ás 8 horas e para a modalidade de 24 quilómetros, ás 10 horas. Novelle remarcou que este trail “consolídase como o gran evento de carreiras de montaña en Galicia”, e destacou que se trata dunha proba cardio-protexida e con medidas sostibles, tanto para a recollida de residuos como para o balizamento”. A carreira contará con participantes de 12 provincias de España e de tres rexións de Portugal, “sendo un evento que está a destacar pola súa relevancia nacional e internacional”.
Pola súa banda, o alcalde de Nogueira de Ramuín subliñou “o labor que vén realizando ao longo de todo o ano o club de montaña Grupo Cuevas para o mantemento do percorrido e a organización do evento”, e destacou a colaboración público-privada “que fai posible o desenvolvemento e o éxito desta proba que se converte un ano máis nun acontecemento deportivo, social e familiar”.
Os interesados en participar nesta terceira edición do Trail Ribeira Sacra poden inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com. A proba será cronometrada e competitiva, quedando rexistrados os tempos de paso dos participantes nas dúas probas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados na categoría masculina e feminina das dúas distancias, e tamén para o corredor máis lonxevo e ao club con máis participantes. O prazo de inscrición remata o vindeiro 1 de outubro.