A vindeira cita co VIII Circuíto de Carreiras Populares “Correndo por Ourense”, que terá lugar no barrio da Ponte, o 30 de setembro, adiantará o seu horario ás 11 horas atendendo a boa resposta dos atletas que participaron na carreira do pasado 9 de setembro na zona da Universidade, cando a saída adiantouse unha hora ante a posibilidade de altas temperaturas.
Deste xeito, a proba organizada polo Consello Municipal de Deportes (CMD) do Concello de Ourense comezará ás 11 horas para nenos e nenas nacidos dende o ano 2011 e inscritos na categoría de pitufos, que percorrerán uns 100 metros.
Cinco minutos máis tarde sairán os corredores das categorías benxamín sub10 e alevín sub12, que correrán por un circuíto de 1.000 metros.
Ás 11:15 horas será a quenda das categorías infantil sub14 e cadete sub 18, que farán un percorrido de 1.900 metros.
Ás 11:30 horas sairán o resto de categorías. Darán tres voltas a un percorrido de 1.900 metros para completar unha distancia de 5,7 km.
A Carballeira
Trala proba da Ponte ao circuíto quedaralle unha xornada nesta edición. Será o 21 de outubro, domingo, e moi probablemente o horario será o mesmo que nas dúas carreiras anteriores: a partir das 11 horas. Un horario que desde o CMD plantéxanse implantalo na edición do ano que vén.