O Sindicato Labrego Galego e o Concello de Allariz presentaron o III Foro Labrego de Agroecoloxía, que se celebrará na capital alaricana os días 20 e 21 de outubro.
Un programa moi completo no que irán da man proxectos locais con outros internacionais ao redor da agroecoloxía.
Comezará o sábado 20 de outubro cunha visita guiada das persoas participantes ao Mercado da Biosfera de Allariz.
O Foro de Agroecoloxía propiamente dito comezará pola tarde, coa súa apertura por Cristina Cid e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, ás 16:30 e a palestra “Coñecemos proxectos colectivos agroecolóxicos?” ás 17:00, onde poderemos saber de experiencias que se están a desenvolver dentro e fóra de Galiza como a Asociación Noneomesmo, a conserveira Maskilu, o matadoiro móbil e sala de envasado colectivos de Brión ou a cooperativa vinícola do Ribeiro Cume do Avia.
Outro dos piares do Foro serán os obradoiros prácticos, un o sábado sobre como levar a cabo de maneira óptima traballos colectivos, impartido pola Cooperativa Rexenerando; e outro, xa o domingo, sobre ferramentas prácticas para a viabilidade económica dos proxectos, impartido polo enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Córdoba, Jorge Molero Cortés.
Finalmente, entrambos días coñeceremos tamén experiencias colectivas, como a de Urgenci, unha rede internacional que fomenta as comunidades de apoio á agricultura; o Proxecto BOND (Bringing Organisations & Network Development to higher levels in the Farming sector in Europe), que co apoio da Unión Europea está a fomentar o intercambio e construción de redes entre labregos e labregas de diversos países de Europa; ou a Rede Revolta de investigación en Agroecoloxía, que nola presentarán os profesores da USC Emilio Carral Vilariño e Xoán Carlos Carreira.